Ayuntamiento de A Coruña

11/29/2018 | News release | Distributed by Public on 11/29/2018 08:38

Os centros cívicos municipais ofrecerán 540 prazas para participar nos campamentos urbanos infantís de Nadal, que abren o prazo de preinscrición o día 3 de decembro

A Concellería de Xustiza Social e Coidados abrirá o vindeiro luns, 3 de decembro, o período de preinscrición para participar nos campamentos urbanos infantís dos centros cívicos municipais, que se celebrarán entre os días 26 de decembro e o 7 de xaneiro. En total, Xustiza Social ofertará 540 prazas para nenas e nenos nadas do 1 de xaneiro de 2006 até o 31 de decembro de 2014. Destas, 15 serán, especificamente, para menores con necesidades especiais. Ademais, a Concellería reservará até un 20% das prazas dispoñibles para ofertar a beneficiarias de programas sociais do Concello.

O programa, que propón actividades vinculadas ao xogo e iniciativas artísticas e culturais, ademais dunha hora diaria de práctica da lingua inglesa, desenvolveranse en 18 equipamentos públicos, como son A Silva, O Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elivña, Feáns, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Palavea, Pescadores, Os Rosales, Sagrada Familia, San Diego e Santa Margarida. Os campamentos terán lugar os días 26, 27 e 28 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas --coa posibilidade de contar cun horario ampliado de 09.00 a 14.30 horas nos centros do Castrillón, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Os Rosales e San Diego--.

O prazo de preinscrición estará aberto do 3 ao 5 de decembro, en horario de 11.00 a 13.30 horas, e de 17.00 a 20.30 horas. A solicitude presentarase no equipamento no que se queira obter praza, e o sorteo público terá lugar o mércores 5 ás 20.35 horas. As listas de persoas admitidas e de reserva faranse públicas o 17 de decembro, e poderanse consultar nos centros cívicos e no teléfono gratuíto de atención cidadá 010, así como na web www.coruna.gal/servizossociais. Ao día seguinte, e até o 20 de decembro, será posible realizar a inscrición definitiva, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Para poder confirmar a praza, será necesario aboar o custo por participante --26 euros, ou 32 euros no caso do horario ampliado-- no momento de formalizar a reserva, así como asinar as autorizacións correspondentes.

Campacole de Nadal

Ademais dos campamentos urbanos de Nadal, a Concellería de Xustiza Social ofrecerá un ano máis, en colaboración coa Federación Provincial de ANPA, unha nova edición dos Campacoles, unha proposta impulsada polo goberno local desde o ano 2016 e dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos CEIP públicos, que ten como obxectivo favorecer a conciliación laboral e persoal da veciñanza da Coruña, ademais de dar continuidade aos centros educativos da cidade en períodos non lectivos mediante proxectos de ocio educativo.

A iniciativa, que se desenvolverá nos CEIP Anxo da Garda, Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán, Juan Fernández Latorre, Manuel Murguía e San Pedro de Visma, denomínase nesta ocasión As mans do Nadal, e parte da base da solidariedade como 'ferramenta para salvar o Nadal de moitas persoas que así o precisan, enchendo de maxia, soños e ilusión estas datas'. O Campacole desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, en dúas quendas distintas --a primeira delas 26, 27 e 28 decembro e a segunda os días 2, 3, e 4 de xaneiro--, coa opción de poder asistir tamén o día 7, en ambos casos. Coma sucede cos campamentos urbanos, ofrecerase tamén unha opción madrugadores, a partires das 08.30 horas, ademais de comedor, entre as 14.00 e as 15.00 horas.

A inscrición terá lugar, nun primeiro momento, entre os días 3 e 5 de decembro nos CEIP nos que se realice o Campacole, e só para o alumnado matriculado nos centros que acollerán a proposta, ademais dos CEIP Prácticas e Sanjurjo de Carricarte. Nun segundo momento, os días 10 e 11 de decembro, poderán solicitar praza o resto do alumnado matriculado nun CEIP público do Concello. O horario para formalizar a praza --que se outorgarán por orde de inscrición-- será de 9.00 a 9.30 e de 16.00 a 16.30 nos centros participantes, agás no caso do CEIP Curros Enríquez, que polas mañás ampliará até as 9.45 horas o seu horario de atención para ditas solicitudes. O máximo de prazas que contará cada Campacole será de 45 nenas e nenos, agás no caso do Curros Enríquez e San Pedro de Visma, nos que poderán participar até 60 menores.

Para máis información sobre o Campacole de Nadal, pódese visitar www.coruna.gal/educacion ou o web da Federación Provincial de ANPA, ademais de chamar aos teléfonos 981.202.002 e 198.201.877