Ayuntamiento de A Coruña

12/01/2018 | News release | Distributed by Public on 12/01/2018 07:47

O Concello ultima os proxectos para a humanización da rúa Manuel Murguía e a demolición do viaduto da rolda de Nelle, para completar as melloras da contorna de Riazor

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiras e concelleiros do goberno local participaron este sábado na Casa da Auga nun novo encontro 'Dillo ti' coa veciñanza de Riazor, un barrio onde desde hai meses se desenvolven obras 'moi importantes, como son as do estadio de Riazor', Así o recordou o rexedor, que sinalou que os traballos das cubertas, que supoñen un investimento de preto de sete millóns de euros e que se completan estas semanas coa instalación dunha pasarela de seguridade, serviron para realizar algunhas melloras tamén na rúa Manuel Murguía, onde se están a ampliar as beirarrúas para adaptalas á normativa de seguridade e accesibilidade. Tal e como avanzou Ferreiro, neste mes está previsto reabrir xa as rúas adxacentes e normalizar o tráfico, tanto nesta vía como na avenida da Habana. Precisamente, Manuel Murguía é, segundo expuxo, un dos espazos que o Concello prevé revitalizar a través dun proxecto de humanización, que xa está moi avanzado, para adaptala ao tránsito de persoas que acolle e a súa relevancia para o barrio. Do mesmo xeito, o Concello ten xa case rematado o proxecto para a demolición do viaduto sobre a rolda de Nelle, 'unha intervención que segundo indican os informes técnicos previos é viable e non afectará ao tránsito, pero que si servirá para mellorar a calidade de vida das persoas dos edificios colindantes', salientou Ferreiro, quen sinalou que a previsión do goberno local é presentar o proxecto xa nas próximas semanas á veciñanza para poder licitar a obra o ano que vén.

En canto ás actuacións en curso nesta parte da cidade, o primeiro edil recordou os traballos de iluminación desde a rolda de Outeiro e ata Os Rosales, por importe dun millón de euros, que se suman ás melloras xa realizadas na cidade deportiva --desde a rehabilitación da cuberta e a climatización da piscina como a mellora da bancada, a rehabilitación do frontón ou reparacións nas polideportivas--, que supuxeron outro medio millón de euros 'e que continuarán para actualizar e mellorar estes equipamentos'. En relación ás instalacións deportivas, o alcalde tamén deu conta do acordo acadado entre o Concello e a Universidade, que permitirá ás entidades da cidade utilizar o pavillón universitario da Normal. Igualmente, recordou que a colaboración entre o Concello, a Universidade e a Deputación permitiu tamén a recente apertura da residencia pública universitaria Elvira Bao, na rúa Archer Milton Huntington, que xa fora obxecto de reurbanización por parte dos servizos municipais.

Por último, Ferreiro deu conta do avance do proceso de urbanización do polígono de Náutica, despois de moitos anos de bloqueo, e no que á apertura da rúa Marcela e Elisa seguirán, nos próximos meses, novas aperturas, coa previsión de que quede completamente rematado no primeiro trimestre de 2019. Sobre esta actuación, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, sinalou que a urbanización de Náutica vai incorporar melloras que non estaban contempladas inicialmente, como un carril bici en Paseo de Ronda, ou cunha pequena pista deportiva e un parque biosaudable na contorna de Náutica, para completar os equipamentos da praza da Tolerancia, que o Concello remodelou para ampliar e mellorar o parque infantil. Tamén, nesa contorna gañaranse, coa urbanización, 115 prazas de estacionamento, que compensarán con creces as 25 que se perden coa ampliación das beirarrúas de Manuel Murguía. Ao fío da intervención no 'Dillo ti' dunha veciña do antigo barrio de San Roque, onde hoxe se levanta Náutica, Varela confirmou que o Concello 'fará o posible por favorecer e recuperar a memoria do antigo barrio, e aproveitará para potenciar as zonas verdes'.

A preguntas da veciñanza durante o encontro, o concelleiro de Rexeneración Urbana tamén explicou a actuación realizada na entrada do parque de Santa Margarita coa avenida de Fisterra, onde se retirou o valado perimetral para ampliar o espazo público na confluencia coa rúa Palomar, ampliando a zona de encontro, ampliando o mobiliario urbano e o arborado e mellorando a seguridade do acceso. Do mesmo xeito, Varela expuxo os pasos do Concello no futuro parque do Observatorio, 'que é o parque que precisa o barrio da Agra, unha zona moi densa e necesitada de zonas abertas'. Como explicou, existe unha sentenza que recoñece edificabilidade non contemplada no PXOM aprobado en 2013 nunha parcela, a das Adoratrices, moi vinculada ao parque, de xeito que os servizos municipais teñen que revisar a ordenación urbanística para cumprir a resolución xudicial e tratar de mellorar a situación prevista para ese soar, onde se proxectaban dúas torres de 12 alturas.

Antes de rematar o encontro, o alcalde anunciou que neste Nadal, a cabalgata de Reis partirá do barrio de Riazor o 5 de xaneiro. O vindeiro 'Dillo ti', o último do ano, terá lugar o vindeiro 22 de decembro en Matogrande.