Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2017 | News release | Distributed by Public on 11/30/2017 08:53

O centro cívico de Eirís acolle este sábado, 2 de decembro, un encontro 'Dillo ti' do alcalde e o resto do goberno municipal coa veciñanza

O vindeiro sábado, 2 de decembro, regresa a serie de xuntanzas abertas entre o goberno municipal e a veciñanza. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como o resto de concelleiras e concelleiros do executivo local asistirá, a un novo encontro Dillo ti, a canle de participación cidadá posta en marcha o pasado ano polo Concello co obxectivo de xerar un espazo de encontro que facilite que a cidadanía traslade, de xeito directo e sen intermediación, as súas demandas e vontades ao Goberno municipal. A cita, que se celebra habitualmente de xeito mensual, ten lugar en cada ocasión nun barrio distinto da cidade.

Así, tras visitar Os Castros, Palavea, Monte Alto, Os Mallos, Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Monelos, Cidade Vella, Os Rosales, O Castrillón, Sagrada Familia, Peixería, A Silva, Feáns, Adormideras e Labañou, o programa municipal achegarase este sábado ao barrio de Eirís. Como vén sendo habitual, o encontro contará cun servizo de tradución á linguaxe de signos, así como un espazo de conciliación con obradoiros infantís, que permitirá ás persoas con nenas ou nenos ao cargo asistir á cita, e que tamén está aberto á veciñanza en xeral. Deste xeito, todas e todos os menores da cidade que teñan interese en asistir a este taller, poderán facelo ata completar o número de prazas dispoñibles. Para participar neste espazo non será necesario inscribirse, senón unicamente acudir ao equipamento municipal de Eirís no horario de celebración do Dillo ti --de 12.00 a 13.30 horas--.

Toda a información sobre esta serie de xuntanzas posta en marcha polo executivo local está dispoñible na páxina web municipal www.coruna.gal/conversascoalcalde