Universidade de Santiago de Compostela

02/17/2017 | News release | Distributed by Public on 02/17/2017 04:59

Concerto do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia

O Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá este sábado 18 un concerto dirixido por Joan Company e con Alicia Permuy ao piano. O recital, co organizado pola Universidade de Santiago e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade.

O programa contempla pezas de compositores clásicos como Händel, Tomás L. De Victoria, Mozart, Verdi e Mendelssohn e dos contemporáneos John Rutter, Franz Biebl, Javier Fajardo, Daniel Artés ou Eric Whitacre.

O Coro da OSG, fundado no ano 1998, deu o seu primeiro concerto o 21 de marzo do mesmo ano xunto coa Escola de Práctica Orquestral da OSG e baixo a dirección de James Ross. Actualmente, o coro está integrado por máis de setenta voces procedentes de toda Galicia. Desde a súa fundación desenvolveu unha intensa actividade artística centrada nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella. Joan Company, vinculado como director do grupo desde a súa fundación, é ademais director artístico do proxecto coral da Sinfónica de Galicia, no que ademais se atopan o Coro Novo e os Nenos Cantores.

No seu extenso e variado repertorio destaca a súa especial dedicación á música sinfónico-coral de Bach, Vivaldi, Haydn, Mozart, Beethoven, Schubert, Brahms, Mahler -con destacadas intervencións nas súas sinfonías nº 2, 3 y 8-, Mendelssohn, Shostakóvich, Puccini, Fauré, Orff, Debussy, Britten, Garcia Abril, Rossini, Stravinski, etc. Ademais, o Coro da OSG dedicoulle boa parte da súa actividade á ópera, tanto en versións escénicas como en versión de concerto de grandes títulos do repertorio de Mozart, Rossini, Donizetti, Chaikovski, Puccini, Verdi e Wagner.

O Coro da OSG cantou e actuou sempre baixo a dirección de grandes mestres de renome internacional como Lorin Maazel, Eliahu Inabal, Ton Koopman, Alberto Zedda, Jesús López Cobos, Víctor Pablo Pérez, Miguel Ángel Gómez Martínez, Richard Egarr, Dima Slobodeniouk, Josep Pons e Ros Marbà.

Alicia González
Nace en 1978 en Lalín (Pontevedra), onde comeza a estudar piano e violín á idade de sete anos. En 1995 prosegue os seus estudos en L'Escola de Música de Barcelona con Albert Attenelle (piano) e Jordi Mora (música de cámara). En 1999 obtén unha bolsa da Deputación da Coruña e trasládase a Holanda, onde estuda no Brabants Conservatorium de Tilburg con Ton Demmers (piano) e Jan Gruithuyzen (música de cámara). Gradúase en 2002 con mención especial Summa Cum Laude. Ao rematar o posgraduado continúa os seus estudos con Jan Wijn, recoñecido pianista e pedagogo holandés.

Obtén diversos premios e diplomas, como o Licenciate in Pianoforte Playing da Guidhall School of Music and Drama (Londres, 1996), o 3º Premio no XII Concurso Internacional de Piano (Berga, 1997), finalista do VIII Ciclo de Jóvenes Intérpretes (Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 2003), 2º premio no I Concurso de Piano organizado pola ASGAIM e premio á mellor interpretación de música galega (A Coruña, 2004), e Premio Especial á mellor pianista acompañante no 3º Certame Nacional de Interpretación Intercentros (Madrid, 2004).

Realiza un intenso labor como pianista acompañante, destacando o traballo que desempeña en masterclasses con, entre outros, os clarinetistas Joan Enric Lluna, Michael Harris, José Luís Estellés, Antony Pay, Hans Deinzer, Antonio Saiote ou Walter Boeykens, ao igual que con Donald Blakeslee, tuba solista da Concertgebouw Orkest de Amsterdam.

Posúe unha ampla experiencia orquestral. Ademais da Orquestra Sinfónica de Galicia, colaborou coa Orquesta Ciudad de Granada ou a Sinfónica de Bilbao. Actualmente é profesora de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña, ao tempo que continúa a súa carreira concertística como solista e dentro do campo da música de cámara.