Ayuntamiento de A Coruña

09/09/2017 | News release | Distributed by Public on 09/09/2017 10:15

O programa ‘A Pé de Barrio’ rexistra, desde a súa posta en marcha, 1.941 intervencións de mellora e coidado do espazo público nos 13 barrios do Distrito 10

A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu conta esta mañá das actuacións desenvolvidas polo Concello a través do programa intensivo do espazo público A Pé de Barrio desde a súa posta en marcha o pasado 19 de xuño. En total, no Distrito 10 da Coruña, que abrangue os barrios de Monte Alto, Atochas, Cidade Vella, Orillamar, As Lagoas, Pelamios, Zalaeta, Orzán, Maestranza, Peixería, Durmideiras, A Torre e Agra de San Amaro, desenvolvéronse 1.941 actuacións de mellora e coidado do espazo público. As intervencións realizadas polos servizos municipais neste período tiveron lugar en máis de 290 rúas do distrito. As actuacións realizadas polo programa inclúen a limpeza intensiva con auga, a eliminación de pintadas e instalacións municipais, reparacións e substitucións de colectores e papeleiras, limpeza e restauración de bancos, substitución de baldosas, reposición de arborado, e melloras en parques e xardíns, ademais de intervencións sobre o alumeado público, reposicións da rede eléctrica, reparacións de beirarrúas ou restauración de fontes, entre outras medidas.

Dentro do Plan Especial de Verán, parte tamén de A Pé de Barrio, leváronse a cabo máis de 450 baldeos nocturnos en prazas e xardíns por toda a cidade. En relación coas zonas verdes, a titular da área de Medio ambiente salientou que estas semanas o goberno local está a desenvolver, a mellora e acondicionamento do xardín da Rosaleda, unha intervención que forma parte das melloras previstas polo Concello para este ano nos parques e xardíns da cidade. Nesas primeiras semanas, os traballos de renovación do espazo afondaron no acondicionamento do firme dos camiños, e continuarán coa limpeza e repintado dos bordos, a renovación do mobiliario e do sistema de rego, así como a plantación de máis de 3.700 exemplares de distintas tipoloxías.

A Pé de Barrio é un programa baseado na transversalidade e no que conflúen diferentes áreas do Goberno. Tal e como destaca a concelleira, a iniciativa, que esta semana finalizará o plan intensivo de coidado e mellora do espazo público no Distrito 10, traballará ao longo de 12 meses en todas as rúas e nos diferentes distritos da cidade para coordinar e optimizar os distintos servizos de Rexeneración Urbana, Mobilidade Sostible e de Medio Ambiente dirixidos á mellora da calidade do espazo público de forma igualitaria entre todos os barrios.