Results

Ayuntamiento de A Coruña

12/01/2017 | News release | Distributed by Public on 12/01/2017 11:35

A Coruña celebrará este domingo a diversidade con numerosas actividades lúdicas, abertas á cidadanía e sen barreiras no marco do Festival de Artes pola Inclusión Cultural FESTI=

O FESTI=, Festival de Artes pola Inclusión Cultural, impulsado polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, culminará este domingo unha programación inclusiva e libre de barreiras este domingo, 3 de decembro, no que se conmemora o Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial. A proposta comezará ás 12.00 horas, na praza de María Pita, nun acto protagonizado e organizado por 28 entidades sociais da cidade e da área metropolitana vinculadas ás diversidades, Baixo un mesmo paraugas. Tras a lectura dun manifesto, no que tamén estarán presentes o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, terá lugar unha actuación con sorpresa de Guadi Galego e, de seguido, de María Fumaça, proxecto da cantante Uxía, xa no marco do FESTI=, que conta co apoio de Luckia, Vegalsa, Repsol e a Fundación María José Jove. Ao mediodía, a actividade trasladarase ao Centro Ágora. No equipamento municipal terá lugar un xantar aberto á veciñanza e actuacións, desde as 14.30 horas, de Demusicade, Torre de Babel --16.00 horas-- e Tres por Cuatro presentando a Robert Pier e alumnado --17.00 horas--, ademais da proxección de Un día de cine, ás 17.30 horas. De seguido, contra as 18.00 horas, presentarase a montaxe ensaiada estes días nos obradoiros de La Quinta del Arte; ás 18.30 horas, o obradoiro Un museo en movemento, da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes e, ás 19.00 horas, o espectáculo en lingua de signos e oral Unhas gafas como as do avó, de Caxoto. Finalmente, ás 20.00 horas, Guadi Galego pechará a programación cun concerto do seu disco O mundo está parado no auditorio. As entradas para esta actuación --que son gratuítas-- xa se poden recoller a través da páxina web www.ticketea.com.

A última parada do FESTI= terá lugar o 14 de decembro, cando La Quinta del Arte estree a montaxe La gran boda no teatro Rosalía de Castro ás 18:30 horas. A programación completa e dossier do festival pódese consultar no web municipal www.coruna.gal/igualdade/festigual

Cultura Accesible e Inclusiva

O Festi= presenta os resultados da primeira convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, a través da que se desenvolveron 7 proxectos inclusivos no que participaron 10 entidades culturais e sociais da cidade. A iniciativa impulsada polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, que xa vai pola segunda edición, ten como obxectivo favorecer a inclusión e a accesibilidade das persoas con diversidade funcional, sensorial ou cognitiva na vida cultural e artística, excluíndo calquera barreira ou impedimento que dea lugar á súa discriminación.

No programa colaboran diversas institucións do ámbito privado. A este respecto, esta mañá o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o presidente de Luckia, José González Fuentes, asinaron no Pazo de María Pita o convenio de colaboración mediante o cal a empresa de xogo e entretemento pasa a formar parte da lista de empresas patrocinadoras. Tal e como destacou o alcalde, 'a ampliación deste programa, fundamental para acadar unha cidade máis xusta coas diversidades e accesible, e a realización de propostas como o FESTI=, é posible grazas á colaboración de numerosos axentes implicados, como é o caso hoxe de Luckia, que se suma como patrocinador do programa'.