Ayuntamiento de A Coruña

09/04/2017 | News release | Distributed by Public on 09/04/2017 09:39

O alcalde visita as obras que o goberno local está a acometer nas rúas Marola, Orillamar e Rolda de Monte Alto e sinala que 'mellorarán a calidade de vida da veciñanza'

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado polo edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, visitou esta mañá as actuacións de mellora do espazo público que o goberno local está a levar a cabo en Monte Alto, tanto na rúa Orillamar como Marola e Rolda de Monte Alto, as dúas últimas enmarcadas no proxecto Camiño do Vixía, unha proposta impulsada polo executivo coruñés para mellorar a habitabilidade no barrio. A iniciativa, que foi referendada por un proceso de participación cidadá, parte da creación dunha senda de prioridade peonil que vertebre o barrio e conecte, da maneira máis natural posible, os distintos equipamentos públicos do mesmo. Tal e como sinalou o rexedor, o proxecto, que na súa primeira fase comporta a peonalización dun tramo da rúa Marola e a reordenación dos elementos na Rolda de Monte Alto, supón 'a humanización desta zona do barrio', ademais da mellora da mobilidade e seguridade peonil nunha área que conta, nas súas inmediacións, cun centro escolar.

'Estas intervencións forman parte do proxecto de cidade deste goberno, Coruña Próxima, un modelo de cidade para a xente, que procura actuar nos barrios de xeito que estes sexan lugares máis amables para vivir, non só para facilitar o tránsito peonil, senón para gañar espazo para a veciñanza na súa propia contorna', explicou Ferreiro, en relación á reurbanización das beirarrúas, a implantación da plataforma única e da creación de pequenas estancias con bancos 'que facilitarán a actividade de socialización da cidadanía', ademais de mellorar as condicións de seguridade peonil 'dun camiño que remata no CEIP Víctor López Seoane'.

Os traballos na rúa Marola, nos que o goberno local investirá 141.589,76 euros, consisten na reurbanización do treito correspondente aos primeiros 100 metros da vía, entre Santo Tomás e Suevia, para transformar a superficie en plataforma única, co uso dun pavimento liso e sen irregularidades, e continuo nas bandas para o paso do tráfico na intersección coas rúas Suevia, Doutor Ferrant e a continuación de Marola. 'Esta peonalización, enmarcada no Camiño do Vixía, facilitará a mobilidade e o tránsito peonil no barrio desde a rúa Torre, ademais de poñer en valor o camiño escolar seguro que emprega o alumnado para chegar ao seu centro', explicou o alcalde.

A actuación, que supón a eliminación de 16 prazas de aparcamento para vehículos privados, compensarase co aumento de espazos na rolda de Monte Alto, ata 64, grazas á supresión da mediana e a reordenación das prazas cunha nova disposición en batería, que contribúe ademais ao calmado do tráfico. Con esta actuación, que comezou o pasado mes de xullo e cuxo importe de adxudicación foi de 92.075 euros, 'crearanse novas prazas de aparcamento para un barrio que presenta dificultades para o estacionamento en superficie', incidiu Ferreiro, quen tamén lembrou que o goberno local tamén ampliará as orellas dos pasos peonís 'para aumentar a comodidade e seguridade peonil', á vez que se procederá á plantación de máis dunha ducia de árbores na zona. Tanto as obras da Marola como da rolda de Monte Alto finalizarán a mediados do mes de outubro, segundo avanzou o rexedor.

O alcalde tamén valorou positivamente as actuacións de repavimentación que a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda está a levar a cabo na rúa Orillamar, 'e que intentan corrixir deficiencias históricas na súa calzada', segundo sinalou, a causa da degradación que sofre a superficie 'polo mal estado da capa inferior'. Os traballos, que comezaron o pasado 17 de agosto, teñen un custo de 60.652 euros e rematarán esta semana. Durante este período, os servizos municipais tamén realizaron a substitución dunha serie de tapas da rede de sumidoiros, xa que, debido ao tránsito de vehículos, convértense en foco de ruídos. 'Estamos a falar de obras en tres rúas que supoñen unha actuación conxunta e necesaria no barrio, que provocará unha mellora notable tanto da mobilidade como da calidade de vida da veciñanza de Monte Alto', aseverou Xulio Ferreiro.