Ayuntamiento de Ourense

08/02/2018 | News release | Distributed by Public on 08/02/2018 03:24

Paso adiante do proxecto do novo parque de patinaxe de Ourense

O Concello de Ourense entregou á Xunta de Galicia o seu proxecto para un novo parque de patinaxe na cidade, que se vai materializar a través da súa inclusión na segunda fase do plan de posta en valor da Ponte Vella, que está a realizar a Consellería de Infraestruturas. Trátase dunha nova instalación para a práctica de deportes de patinaxe, patíns en liña, scooter e BMX, que ocupará unha superficie de 800 metros cadrados no parque urbano entre a Avenida da Ribeira Sacra e a rúa Bispo Lourenzo, fronte ao Centro de Saúde do Couto.

As obras contarán cun orzamento próximo aos 150.000 euros e correrán a cargo da Axencia Galega de Infraestruturas, logo de que o Concello acadase que o seu proxecto se incorporase á segunda fase do proxecto co que a Xunta está a recuperar a contorna da Ponte Romana. Na súa primeira fase impulsouse a recuperación e a nova iluminación do emblemático monumento.

'Este proxecto é un novo exemplo da excelente cooperación e diálogo entre o Concello e o Goberno galego, que nos está permitindo poñer en marcha infraestruturas que están chamadas a marcar un antes e un despois na nosa cidade'. Así o resaltou o alcalde, Jesús Vázquez, nun acto que contou coa presenza da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e do concelleiro de Deportes, Mario Guede.

A pista que se construirá para substituír as actuais instalacións no exterior do Pavillón de Os Remedios é unha iniciativa impulsada polo Consello Municipal de Deportes para dotar a Ourense dunhas novas instalacións para a práctica de deportes urbanos que conten coas máximas garantías para a seguridade dos usuarios.

Durante a súa intervención, o rexedor tamén reivindicou a colaboración de todos os clubs da cidade que practican estas disciplinas deportivas á hora de dar forma ao novo parque. 'Os seus consellos foron fundamentais á hora de decantarnos por este proxecto', que foi redactado polo arquitecto Daniel Yabarco, explicou Jesús Vázquez.

Con esta proposta, o Concello aposta por 'atraer a nosa xuventude a practicar un deporte cada vez máis en boga' e 'ofrecer alternativas de ocio para a xente máis nova', dixo Jesús Vázquez.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta explicou que os vindeiros pasos do proxecto consistirán na súa remisión a Axencia Galega de Infraestruturas para 'a posta en marcha do proxecto de licitación e de adxudicación das obras', que terá lugar 'nos vindeiros meses'.

As actuais instalacións para a práctica do skate, patíns en liña, scooter e BMX, no exterior do Pavillón dos Remedios seguirán en funcionamento até a finalización das obras da nova pista.