Ayuntamiento de A Coruña

01/04/2019 | News release | Distributed by Public on 01/04/2019 08:33

Un total de 237 mozos e mozas recibiron información sobre a prevención de consumo do alcol e ao coidado ambiental nos xardíns de Méndez Núñez co proxecto piloto ‘Coida de ti,[...]

O programa municipal de prevención 'Coida de ti, coida do teu' permitiu ofrecer información a 237 mozos e mozas sobre os riscos de consumo excesivo de alcol e de sensibilización ambiental, así como recoller 166 bolsas de lixo no transcurso de nove noites nos xardíns de Méndez Núñez. A Concellería de Xustiza Social e Coidados puxo en marcha esta iniciativa piloto, que se desenvolveu nas noites de xoves e sábados durante as dúas últimas semanas do mes de novembro e en decembro, pola que se situou nos xardíns de Méndez Núñez un posto, de 23.00 a 03.00 horas con persoal de atención especializado e contedores, para a difusión de información preventiva sobre os riscos asociados ao consumo excesivo de alcol e tamén das actividades de lecer alternativas que existen na cidade, así como para facer un labor de sensibilización respecto do coidado do medio ambiente e do patrimonio. 'O goberno local considera que a educación e o acceso a información son dúas das ferramentas imprescindibles para poder incidir nun cambio necesario, como é o coidado da saúde e do medio natural, e cara a iso está enfocada esta iniciativa piloto', sinala a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán.

Dende este posto, o persoal, cualificado e cunha identificación específica durante o desenvolvemento das tarefas, repartiu un total de 237 bolsas do lixo entre as persoas mozas que se atopaban nos xardíns de Méndez Núñez, e que retornaron un 70% das bolsas cheas de vidro e plástico. Estes mozos e mozas, que presentaban unha media de idade de 20,2 anos e eran nun 60% homes, conseguiron boletos para participar nun sorteo sorteo semanal de actividades de lecer saudable para catro persoas, como son unha sesión de escapismo, paintball ou karting. Os sorteos realizáronse todos os luns, ás 16.15 horas, no salón de actos do centro cívico dos Rosales e o resultado dos mesmos --así como as bases--, pódense consultar na páxina web municipal www.coruna.gal/servizossociais

'Este programa incide na educación e na sensibilización como vía para previr situacións de abuso no consumo do alcol. A iniciativa forma parte do Programa Municipal de Prevención de Adiccións 2018, que engloba distintas accións vinculadas á prevención tanto no ámbito educativo coma no comunitario como Non pases por un mal trago, que propón a substitución das sancións por consumo de alcol por cursos psico-educativos preventivos, ou Prevención exprés: alcol, que se desenvolveu coas mozas e mozos que participaron nas actividades do programa de lecer saudable durante o verán', explica a concelleira.