Ayuntamiento de A Coruña

02/15/2019 | News release | Distributed by Public on 02/15/2019 14:36

O centro Ágora acolle o vindeiro venres, día 22, as II Xornadas de Mocidade e Participación Xuvenil, que abordarán os retos e metas das políticas vinculadas a este colectivo

O centro Ágora acollerá o vindeiro venres, día 22, as II Xornadas de Mocidade e Participación Xuvenil, que organiza a Concellería de Participación e Innovación Democrática. As sesións, indica a concelleira desta área, Claudia Delso, pretenden ser un espazo de encontro, conversa e debate dirixido a que axentes do territorio que traballan no eido da mocidade poidan coñecerse, descubrir, aprender e xerar redes de colaboración. 'Un espazo para facilitar o pensamento colectivo e contruír en comunidade; un espazo de referencia para poder encontrármonos, recoñecérmonos, reflexionar de forma conxunta, intercambiar coñecemento e experiencias e tecer redes formais e informais entre institucións públicas e entidades e colectivos xuvenís', sinala. Como fai notar, esta segunda edición das xornadas, que están orientadas a persoal técnico e profesionais vencellados ao eido da mocidade, representantes políticos e persoal técnico dos concellos vinculados a esta área, estudantado, asociacións xuvenís ou prestadoras de servizos á mocidade e colectivos informais, así como á cidadanía en xeral con interese na temática da mesma, 'consolidan a aposta que está realizando o Concello da Coruña no traballo a prol das políticas transversais e participativas'. 'As mozas e os mozos precisan políticas transversais que dean resposta ás súas necesidades e para iso é preciso dar a este colectivo un papel no deseño das políticas que lles atinxen', salienta a concelleira, que pon o proceso participativo para o deseño do plan de usos e o modelo de xestión das Naves do Metrosidero, presentado esta mesma semana, como 'un exemplo máis de como este goberno local quere dar voz e implicar á cidadanía, e tamén á mocidade, nas decisións da súa cidade'.

A inscrición para participar é gratuíta, e poderá realizarse a través do Centro Municipal de Información Xuvenil, www.coruna.gal/cmix, desde esta mesma tarde e ata o vindeiro día 21 ás 12.00 horas, ou ata esgotarse as 100 prazas dispoñibles. As consultas sobre a participación nas xornadas poden dirixirse ao enderzo [email protected]

O programa, que se presenta baixo o epígrafe 'As políticas de xuventude: retos e metas', dará comezo ás 10.00 horas do día 22, coa intervención do experto en xestión cultural, xuventude, comunicación e comunidade Pep Montes. Tras o relatorio inicial, o debate e a reflexión marcarán unha mesa de experiencias na que confluirán Alicia Aguilera e Roser Latorre (do departamento de Xuventude do Concello de Barcelona), Mila Urtarán (do departamento de Xuventude do Concello de Vitoria), Marina de la Maza (educadora en Basket Beat - Innovación Social), Patricia Lesta (do departamento de Xuventude do Concello da Coruña) e o propio Pep Montes. A mesa estará moderada por Carmen Pita, Xefa do servizo de Participación e Xuventude do Concello da Coruña. Na xornada de tarde, que comeza ás 16.30 horas, haberá dous espazos de traballo nos que poder idear e traballar con metodoloxías creativas en proxectos de transversalidades desde o ámbito municipal e en proxectos de innovación social para a mocidade. Simultáneamente á realización das xornadas, no hall do Ágora habilitarase un espazo visible no que entidades xuvenís ou prestadoras de servizos a mocidade que desenvolven proxectos e propostas na cidade e na contorna poidan visibilizarse e tecer novas redes de colaboración.