Results

Ayuntamiento de A Coruña

11/02/2018 | News release | Distributed by Public on 11/02/2018 05:14

A Banda Municipal ofrece este domingo no Pazo da Ópera unha adaptación instrumental da zarzuela ‘A do Soto do Parral’

O ciclo de concertos de outono da Banda Municipal de Música da Coruña terá este domingo, día 4, a terceira cita da tempada. No marco dos actos de celebración do 70 aniversario da banda, a agrupación ofrecerá, baixo a batuta do seu director titular, Juan José Ocón, unha adaptación instrumental da zarzuela A do Soto do Parral realizada polo propio Ocón. Este arranxo, tal e como indica o director, é especial, 'ao tratarse dunha adaptación da obra ao completo, non só unha selección de fragmentos, polo que se respectaron todas as romanzas, dúos e concertantes, mantendo así o dramatismo e a alegría que achegaron os seus compositores'. No programa de man que se entregará no Pazo incluirase a letra de dúas das pezas da zarzuela para convidar ao público a participar, activamente, no concerto. A seguinte cita coa agrupación musical será o mércores 7 de novembro no Teatro Colón. No marco do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festi=, a banda participará no espectáculo Picasso: a ollada nas mans, unha iniciativa impulsada pola asociación cultural Diversos e Experimentadanza, e que mestura música, circo, danza e teatro nun percorrido pola vida do autor malagueño. Á semana seguinte, o martes 13, unha big band con membros da agrupación, e tamén dirixida por Ocón, participará na presentación do espectáculo Audiovisualismo, de Nani García, no que interpretarán, tamén no Colón, varios arranxos de temas emblemáticos do jazz e orixinais do músico coruñés.

No mes de decembro a Banda ofrecerá tres novos concertos. Os dous primeiros, tanto o día 2 coma o do 16, terán lugar no Pazo da Ópera, ás 12.15 horas, mentres que a derradeira cita deste outono da agrupación co público coruñés será o día 20, ás 20.00 horas, no Teatro Colón.