Ayuntamiento de Ourense

11/03/2018 | News release | Distributed by Public on 11/03/2018 01:15

Máis de 160 músicos darán vida aos temas de Queen no Auditorio

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o sábado, 10 de novembro, o espectáculo 'The Queen Symphony'. Trátase dun concerto gratuíto a cargo da Banda Artística de Merza (provincia de Pontevedra) e do Coro Gli Appassionati, (Vigo), que ofrecerán un repaso en versión orquestral polos mellores temas da mítica banda británica liderada por Freddie Mercury.

Máis de 160 persoas daranse cita sobre o escenario, nunha colaboración única entre a coral (70 persoas) e a banda sinfónica (80 instrumentistas), que con este concerto quixo conmemorar os 190 anos de vida da orquestra nunha localidade que non chega aos 400 habitantes. Fundada no ano 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia .
Ourense acollerá a interpretación que ambas agrupacións musicais farán da peza composta polo compositor e director de orquestra londinense, Tolga Kashif. Até este momento a banda só interpretou este espectáculo en dous concertos, os pasados 27 e 28 de xullo, na Cidade da Cultura e en Vigo, respectivamente.
'The Queen Symphony' é unha obra que integra orquestra e coro que Tolga Kashif realizou no ano 2001 por encargo do mítico selo EMI Classics, que lle encargara compoñer unha peza sinfónica baseada na música de Queen.
A súa estrea mundial tivo lugar no Royal Festival Hal, en 2002, e contou coa presenza dos membros de Queen Brian May e Roger Taylor, así como da nai de Freddie Mercury, Jer Bulsara.
O concerto que ofrecerán a Banda Artística de Merza e o Coro Gli Appassionati comezará cos arranxos realizados entorno aos temas 'Radio Gaga', 'Show must go on', 'One world, one vision' e 'I was born to love you'.
Na segunda parte será a quenda do lírico 'Love of my life', que da orixe a un concerto de piano que será invadido polos temas 'Another one bites the dust' e 'Killer Queen', como un dúo en forma de protesta. A continuación, nun diálogo entre o violín e o violoncello, interpretarase 'Who wants to live forever'.
'The Queen Symphony' continúa coa particular versión orquestrada do tema 'Bicycle race' e un desfile de grandes momentos de Queen: 'Mama, just killed a man…', 'We will rock you', 'Scaramouche'... para rematar con 'We are the Champions' e unha repetición de 'Who wants to live forever'.