Ayuntamiento de A Coruña

07/31/2018 | News release | Distributed by Public on 07/31/2018 05:46

O Concello establece un dispositivo especial de transporte urbano nocturno co gallo dos concertos na praza de María Pita e do Festival Noroeste, así como durante a Batalla Naval

O Concello da Coruña porá desde mañá, mércores 1 de agosto, un dispositivo especial de transporte público urbano co gallo das Festas de María Pita 2018. O obxectivo da proposta é favorecer o acceso e a participación da veciñanza nos festexos, así como fomentar a mobilidade sostible no transcurso dos mesmos, especialmente durante a celebración dos concertos nocturnos do ciclo As Noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia e a tradicional Batalla Naval.

Tal e como avanza a Concellería de Mobilidade Sostible, entre os días 1 e 4 de agosto, ao finalizar os concertos na praza de María Pita, aproximadamente contra ás 00.30 horas, disporase dun servizo especial con sete liñas de autobús, que situarán a súa saída en Porta Real, e ampliarase o servizo nocturno cunha nova unidade. Deste xeito, a liña 1 dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Catros e Castrillón así como avenida de Monelos. Pola súa banda, a liña 1A conectará o casco histórico con Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís. A liña 3A unirá Porta Real con Labañou e Os Rosales, mentres que a liña identificada neste dispositivo como 6 dará servizo á praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, Ventorillo e Meicende. No caso da liña 7, esta tamén entrará por Juana de Vega cara á praza de Pontevedra, para dar servizo a Peruleiro, rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira. A liña 11 sairá de Porta Real para continuar, desde Juana de Vega e a praza de Pontevedra, por Juan Flórez e Pla y Cancela, para rematar así na zona dos Mallos. Por último, a liña 21 dará cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro.

Ademais desta ampliación, a partires das 01.30 entrarán en servizo, desde o Obelisco, dous unidades do servizo de transporte público nocturno, coñecido como 'Búho', un no sentido habitual --Labañou, rolda de Outeiro e Birloque-- e outro no sentido inverso, para chegar aos barrios dos Castros, Castrillón, Monelos e Eirís.

O goberno local lembra ademais á veciñanza que, tamén durante a celebración das festas, estará dispoñible o servizo de Paradas Libres. Para poder utilizalo, as mulleres que viaxen soas simplemente deberán avisar, no momento de subir ao vehículo, ao condutor ou á condutora da súa intención de solicitar o servizo.

Festival Noroeste e Batalla Naval

Do 7 ao 12 de agosto celebrarase a 32ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, cun cartel encabezado por The Pretenders e Belle & Sebastian e no que participarán 87 bandas e artistas que ofrecerán outros tantos concertos en 14 localizacións diferentes ao longo do termo municipal. De cara as actuacións dos días 7, 8 e 9 de agosto, o Concello ampliará o servizo de transporte público nocturno cunha nova unidade que, coma no caso dos concertos do ciclo As noites de María Pita, ofrecerá un percorrido no sentido inverso ao habitual. Os buses sairán, a partires das 23.30 horas, do Obelisco. As frecuencias do servizo público de transporte nocturno serán de 30 minutos, con saída ás horas en punto no sentido Os Castros - Monelos- Eirís, e ás medias no sentido Labañou - Ronda de Outeiro - Birloque. O último servizo terá a súa saída contra as 01.30 horas.

De cara á fin de semana, tanto no venres 10 coma o no sábado 11, a actividade nocturna do festival concentrarase na praia de Riazor. Neste caso, as frecuencias do servizo --que partirá do Obelisco desde as 23.30 horas-- tamén serán de 30 minutos, con saída ás horas en punto no sentido habitual Os Castros-Monelos-Eirís, e ás medias no sentido Labañou-Rolda de Outeiro-Birloque, pero o último servizo será ás 05.00 horas. Ademais, instalarase unha parada provisional no Paseo Marítimo, á altura da coiraza, antes da intersección con Modesta Goicouría.

Xa na noite do 14 de agosto, e co gallo da celebración da tradicional Batalla Naval na enseada do Orzán, o servizo do transporte público nocturno reducirá a súa frecuencia, despois do disparo pirotécnico, a tan só 15 minutos. O primeiro autobús sairá do Obelisco a partires das 00.30 horas e xa a partires das 01.30 horas, quedarán dous buses en servizo, cunha frecuencia de 30 minutos. A última saída, como é habitual en festivos e fins de semana, terá lugar ás 05.00 horas

Inicio da programación

A pregoeira das Festas, que se abren mañá, será Mercedes Peón. O acto, que terá lugar ás 21.30 horas desde o balcón do Pazo municipal de María Pita, dará paso ao concerto inaugural do programa festivo, a partires das 22.30 horas, a cargo de Gloria Gaynor. Unha vez remate a actuación da cantante, porase en marcha o dispositivo especial de autobuses.

Antes, pola mañá, a 47ª Feira do Libro abrirá as súas portas, a partires das 11.00 horas, nos xardíns de Méndez Núñez. O acto de inauguración, no que participará o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, comezará ás 12.30 horas e contará coa presenza do escritor Xavier Senín, pregoeiro desta edición. Xa pola tarde, contra ás 18.00 horas, dará comezo a programación de actividades infantís e para adultos da Feira, así como os espectáculos do Xardín dos Libros, que se representarán xunto ao estanque. Finalmente, a partires das 19.30 horas, as asociacións Xacarandaina, Son D'aqui, Eidos, Aturuxo e Donaire realizarán un pasacalles polas rúas do centro urbano, que chegará á praza de María Pita, antes do pregón.

A programación das Festas de María Pita está dispoñible tanto no web www.coruna.gal como nas oficinas de información turística e os equipamentos municipais, entre outros espazos.