Ayuntamiento de A Coruña

10/05/2017 | News release | Distributed by Public on 10/05/2017 05:05

Mobilidade Sostible adxudica o mantemento e nova implantación da sinalización de tráfico dentro da cidade

A Xunta de Goberno Local dará o visto e prace este venres á adxudicación do contrato que permitirá implantar na cidade unha nova sinalización de tráfico tanto horizontal como vertical, así como elementos de balizamento. Este servizo tamén contempla a conservación, mantemento e reposición dos sinais xa existentes. O contrato, cun prezo máximo de licitación de 349.973 euros, ten unha vixencia de catro anos, prorrogables a outros dous. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destacou que 'é a primeira vez que o Concello da Coruña vai contar cun servizo que abarcará, de forma conxunta, todos os elementos de sinalización'.

'O que conseguimos desta forma é axilizar moito o proceso de colocación de novos elementos de sinalización e de balizamento, algo fundamental neste momento, no que estamos a repensar de forma global as liñas de transporte público tanto urbanas como metropolitanas e cando estamos a dar pasos moi importantes para, dentro de pouco, poder ver a materialización dos nosos avances na implantación de novas formas de mobilidade', explicou. 'Esta integración de contratos servirá para abordar de xeito moito máis sinxelo todas as actuacións de ampliación do carril bici que non requiran de obra de infraestrutura', engadiu.

A sinalización horizontal comprende as marcas viarias sobre o pavimento ou outros elementos da calzada. O contrato inclúe a obriga de levar a cabo, se así se estima pertinente, a nova implantación ou adaptación das actuais marcas viarias, de forma que se contribúa a mellorar as condicións de circulación e seguridade viaria, así como eliminar ou modificar as marcas desgastadas ou inadecuadas.

Como sinalización vertical e balizamento se entenden tanto os sinais metálicos verticais -xa sexan fixos ou móbiles-, de advertencia, perigo, regulamentación ou información, así como elementos de balización, delimitación, defensa ou guía (captaforos, redutores de velocidade, bolardos, biondas ou deliñadores) que sirvan para advertir de posibles incidencias no tráfico. Baixo esta denominación tamén se inclúen elementos de sinalización interiormente iluminados con tecnoloxía LED, así como sistemas de alimentación enerxética, se ben quedan excluídos elementos verticais como semáforos, paneis informativos variables e outro tipo de sinalización luminosa.