Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2018 | News release | Distributed by Public on 11/30/2018 11:21

O Concello prenderá a iluminación de Nadal o vindeiro martes 4 nun acto no que participará parte do reparto da serie de televisión 'Fariña'

O prendido oficial do alumeado de Nadal do Concello da Coruña terá lugar o vindeiro martes, 4 de decembro, ás 20.00 horas. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidirá o acto, que está aberto a toda a cidadanía e no que participará unha parte do reparto coruñés e galego da serie de televisión Fariña. Celebrarase, por segundo ano, na esfera de luz situada na avenida da Mariña, unha das pezas máis recoñecidas da iluminación municipal. Tal e como sinalou o rexedor esta mañá, na comparecencia posterior á Xunta de goberno local, a elección do reparto da serie para prender as luces 'responde ao recoñecemento, por parte do goberno da Coruña, ao talento audiovisual local e do país, así como a aposta pola visibilización do noso tecido creativo'. Neste sentido, o alcalde lembrou tamén que a serie está baseada no libro do xornalista coruñés Nacho Carretero. Entre os actores e actrices que participarán no evento están Carlos Sante, Cristina Iglesias, Eva Fernández, Isabel Naveira, Manuel Lourenzo, Chechu Salgado, Iolanda Muíños, Monti Castiñeiras e Xúlio Abonjo. O acto contará tamén coa actuación do coro coruñés Cantabile.

A iluminación municipal contará, este ano, con outros dous elementos de gran formato ademais da bóla, como son as dúas árbores que se situarán tanto no Obelisco coma na praza de Vigo, e repetiranse tamén motivos singulares que xa contan con arraigamento na cidade, como son as figuras dos Reis Magos no barco da avenida de Alfonso Molina. En total, as rúas da Coruña contarán coa iluminación de 2.670.000 leds, repartidas entre 543 arcos, 108 motivos sobre farois ou 77 árbores, entre outras estruturas, nas que se conta a nova decoración que engalanará a fonte de Catro Camiños. Ademais destas zonas, tanto a fachada do Pazo Municipal de María Pita como as entradas dos mercados municipais contarán con ornamentación.