Ayuntamiento de A Coruña

07/05/2018 | News release | Distributed by Public on 07/05/2018 07:16

O Concello incorpora á xestora cultural Bettina Kohlaas como nova directora do Teatro Colón

O Concello da Coruña incorpora á xestora cultural Bettina Kohlass na dirección do Teatro Colón, tras aprobar o consello reitor do IMCE o seu nomeamento este xoves. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destacou que a elección da xornalista e xestora cultural, 'que conta cunha ampla traxectoria profesional', responde 'ao seu coñecemento tanto a cidade como a realidade cultural local e de Galicia, que aplicará á xestión do Teatro Colón ', recinto do que o Concello asumiu a súa cesión temporal o 2 de xullo.Bettina Kohlaas (León, 1972) é licenciada en Ciencias da Comunicación --especializada en xornalismo e relacións públicas-- e Ciencias Económicas pola Freir Universität de Berlín, e doutora cum laude en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa carreira profesional no ámbito da comunicación en Alemaña, Madrid e Canarias, á vez que compaxinou a súa actividade coa produción musical. En 1999 estableceuse en Galicia, xa vinculada á xestión cultural, e traballou na coordinación de xiras europeas e festivais en Nordesía Produccións, exerceu de directora da área de cultura da Fundación Barrié e foi a responsable de actividades da Obra Social la Caixa na Catedral de Compostela, ademais de dar aulas na USC na área de Comunicación Audiovisual.

A súa traxectoria profesional tamén está vinculada á Coruña, como adxunta á xerencia do Consorcio para a promoción da Música e responsable de comunicación da mesma, ademais do Festival Mozart, entre os anos 2003 e 2006. Posteriormente, asumiu a dirección do Fórum Metropolitano até o ano 2011. Desde entón, Kohlaas coordinou diversos proxectos culturais de ámbito estatal, ademais de realizar asesoramento de xeito continuado a institucións, e exercer de responsable de comunicación de iniciativas do ámbito privado e público.

'Coa elección da nova dirección, avanzamos no obxectivo de acadar a excelencia, vangarda e innovación que desde o goberno local marcamos para este espazo', avanza Sande, quen lembra que, tras os meses de verán --nos que o recinto da avenida da Mariña acollerá concertos do Festival Noroeste ademais dunha residencia artística--, o equipamento ofrecerá unha nova programación escénica 'que complementará a oferta da cidade, e cuxas liñas serán presentadas nas vindeiras semanas'.