Ayuntamiento de A Coruña

02/15/2019 | News release | Distributed by Public on 02/15/2019 11:05

O alcalde amosa a súa satisfacción polo arquivo da denuncia do PP contra o concurso de adquisición de vivenda pública, “que evidencia que non existiu corrupción e que, dende[...]

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou esta xornada a súa satisfacción pola decisión da Fiscalía Provincial da Coruña de arquivar, sen presentar querela, as dilixencias abertas tras a denuncia do PP sobre supostas irregularidades no concurso de adquisición de vivenda pública posto en marcha polo goberno local co obxectivo de aumentar o parque público de inmobles destinado a ofrecer alternativas habitacionais dignas a veciñanza con mais dificultades. O rexedor indicou que 'a Fiscalía veu confirmar o que nós sempre dixemos, que unha cousa é que poidan existir erros nun expediente administrativo e outra moi distinta que exista un caso de corrupción'. 'Temos que agradecerlle ao fiscal que soubese velo e, dende logo, tamén temos que mandarlle un recado ao PP: non todas as formacións somos iguais', indicou.

'Dende un inicio, a estratexia do PP foi tratar de homologarnos, de poñernos ao seu nivel, pero non o estamos. Puxemos en marcha un concurso de vivenda pública para adquirir inmobles destinados a facilitar a vida daquela parte da veciñanza que ten máis dificultades. Ese non é o modelo que defende o Partido Popular', dixo o primeiro edil, que salientou o feito de que 'segundo o comunicado enviado pola Fiscalía, queda ás claras, tamén, que a comisión técnica que valorou o proceso de selección e compra dos pisos que se presentaron a este concurso actou de boa fe'. 'Creo que é moi importante o que di a Fiscalía: a comisión actou de boa fe, incluso no 'defecto' máis chamativo na súa valoración, que ten que ver coa compra do inmoble da rúa Joaquín Martín Martínez, que tiña licenza de local, xa que se constatou que, co goberno o PP no ano 2011, o Concello concedeulle o cambio de uso a vivenda a outro piso situado na mesma planta dese edificio', indicou.

Desculpas ao goberno e á cidadanía

Á vista da decisión da Fiscalía, o alcalde coruñés tamén manifestou que 'o coherente, agora, sería que o PP, así como o resto de actores que o secundaron no ataque contra o concurso de adquisión de vivenda, pedisen desculpas polas difamacións'. 'Desculpas ao goberno, xa que houbo acusacións moi duras contra todo o executivo municipal --e, especialmente, contra dous concelleiros aos que se lles esixiu a dimisión nun Pleno municipal por ter, supostamente, orquestrada unha sorte de trama corrupta--, e desculpas á cidadanía, á que tentaron enganar deliberadamente', apuntou.