Ayuntamiento de A Coruña

12/01/2017 | News release | Distributed by Public on 12/01/2017 11:35

O goberno local afonda nas súas medidas para a revitalización dos mercados municipais cun novo concurso de postos baleiros en toda a cidade e a posta en marcha de accións de[...]

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu conta este venres dos principais asuntos abordados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, entre os que destacou os relativos aos mercados, como é o novo proceso posto en marcha desde a Concellería de Emprego e Economía Social para adxudicar a explotación de 23 postos baleiros nos mercados municipais da cidade, un procedemento aberto a toda a cidadanía e que primará a aqueles proxectos que favorezan a inserción laboral de colectivos con dificultades, as pemes e as asociacións e empresas de economía social, así como a praceiros e praceiras que xa conten con postos lindantes aos ofertados. Trátase, como sinalou o primeiro edil --que compareceu acompañado do concelleiro de Emprego, Alberto Lema, e o de Rexeneración Urbana, Xiao Varela--, do segundo proceso deste tipo que leva a cabo o goberno local neste mandato e que entronca co resto de medidas de dinamización das prazas de abastos municipais que se están a levar a cabo en colaboración co propio sector, despois do concurso impulsado o ano pasado para cubrir 48 postos baleiros dos mercados municipais, na que foi primeira convocatoria desde o ano 94. Servirá para cubrir postos que quedaron desertos na anterior convocatoria e outros novos, en zonas especialmente demandadas como San Agustín ou a Praza de Lugo. En concreto, estas novas prazas distribúense en 9 no Eusebio da Guarda (Praza de Lugo), 6 en San Agustín, 5 en Ramón Cabanillas, 2 en Elviña e 1 en Palavea.

Do mesmo xeito, e tamén en relación á dinamización comercial, a xunta de goberno aprobou a adxudicación do procedemento para a xestión do espazo de dominio público do mercado de San Agustín, para a súa dinamización a través de mercadiños e actividades complementarias, mediante unha serie de actividades en fins de semana alternas de cada mes, de forma que non interfira con outras actividades que xa están programadas como os mercados de carácter ecolóxico. Así, tanto sábado como domingo, en horario de mañá e tarde, haberá distintas actividades, como xogos infantís, espectáculos de maxia, talleres de cociña, charlas sobre nutrición, cata de produtos do mercado, contacontos, concertos, terapias, talleres de reciclaxe, de pintura, de tiraxe de cervexa, xabóns naturais, musicoterapia... ademais da venda e mostra de produtos que xirarán sobre distintas temáticas e os vinculados coa actividade da propia praza de abastos. 'Os mercados municipais cumpren un papel fundamental no modelo de comercio que intenta impulsar este goberno local, que aposta polo comercio de barrio, e nos que estes espazos están chamados a ser núcleos de revitalización da vida e a convivencia dos barrios da Coruña. Por iso iniciamos, de forma transversal de distintas áreas de goberno, un ambicioso plan de dinamización', sinalou o alcalde, que se remitiu aos proxectos de reforma dos mercados de Monte Alto e Durmideiras ou o plan, presentado hai unha semana, para a rehabilitación do mercado de Santa Lucía e o equipamento público do barrio, ao que se suman as obras, practicamente rematadas xa, da rúa de Xoán XXIII, incluídas no plan de actuacións para a revitalización da contorna de San Agustín. Neste sentido, o alcalde recordou tamén a celebración, esta mesma fin de semana, da terceira edición do festival do bocata gourmet Boucatise, que ten lugar tamén no mercado de San Agustín, 'e que exemplifica a aposta e clara deste goberno municipal polos mercados e pola súa dinamización'.

Investimentos en espazo público

Por outro lado, o alcalde tamén trasladou aos medios presentes que na reunión do executivo municipal deuse luz verde aos proxectos de renovación dos firmes do polígono dos Rosais, así como á modernización e mellora da eficiencia do alumeado público no mesmo ámbito (zona dos Rosais, entre Rolda de Outeiro, Manuel Murguía e Avenida de Labañou). O rexedor recordou que 'este proxectos proceden do paquete de investimentos financeiramente sostibles que aprobamos en Pleno a pasada semana e que poderán realizarse ao longo do ano que vén con cargo ao remanente líquido de tesourería dos orzamentos de 2016'. Os dous proxectos, que serán licitados no menor prazo de tempo posible, supoñen un investimento no barrio de 2,6 millóns de euros, 1,15 para a renovación dos firmes e 1,53 para o alumeado.

Por outro lado, e no que atinxe ás intervencións no espazo público da cidade, Ferreiro salientou o bo ritmo que mantén o Concello e, en concreto, o departamento de Rexeneración Urbana, no que atinxe á tramitación de licenzas. Nas últimas dúas semanas, o Concello concedeu 33 licenzas de de obra, ademais de tramitar 75 comunicacións previas ao inicio de obra e 46 comunicacións previas ao inicio de actividades ou apertura de establecementos. En total 154 expedientes tramitados.

No referido ás políticas de acceso a vivenda, e logo da celebración do consello de administración de EMVSA esta mesma mañá, a Xunta de goberno local aprobou a encomenda para que a Empresa Municipal de Vivenda xestione un banco de aluguer destinado a sectores da poboación con maiores dificultades de acceso (mulleres vítimas de violencias machistas, mocidade, persoas maiores, afectadas por desafiuzamentos...). A iniciativa do goberno local pasa por que EMVSA arrende vivendas, preferentemente no termo municipal da Coruña, para a súa posta a disposición de terceiros. Na súa condición de arrendataria, a empresa pública asumirá todas as obrigas derivas da normativa vixente. Os inmobles alugados pasarían a ser dados de alta no banco de vivendas de aluguer. Este proxecto, que contou co voto favorable de todos os grupos con representación no consello de EMVSA agás o PP, que se abstivo, disporá duns recursos iniciais de 450.000 euros.

Terceira Rolda

Como expuxo o primeiro edil, na sesión deste venres a Xunta de goberno local tamén aprobou o pago ao Ministerio de Fomento dun montante de 4.773.192,26 euros en concepto de achega económica do Concello da Coruña pola construción da Terceira Rolda, que deriva do convenio subscrito o 11 de xaneiro de 2007 pola corporación local co Goberno central e que, como sinalou Ferreiro, supón o primeiro pago por esta obra. Segundo indicou, o convenio establecía unha serie de períodos de pagamento, que nunca foran reclamados polo ministerio nin cumpridos polo Concello ata esta data, 'na que se producen ambas cousas, a reclamación por parte de Fomento, e o pago por parte do Concello da Coruña'.

Por outro lado, o rexedor tamén recordou que entre os temas abordados se atopa a aprobación inicial do Mapa Estratéxico de Ruídos, 'que busca ser unha ferramenta básica na xestión municipal do ruído, co fin de conseguir unha mellora da calidade acústica do municipio', como complemento ao plan de acción contra o ruído, que o Concello acaba de actualizar e que é o documento onde se deseñan as accións a abordar nos vindeiros 5 anos para reducir a contaminación acústica. 'O mapa vén ratificar moitas cousas que xa sabiamos, como por exemplo, que os focos de ruído que xeran maiores niveis acústicos durante o período nocturno, correspóndense principalmente co tráfico rodado', indicou Ferreiro, que, non obstante, salientou que 'o que tamén nos di este mapa, e é algo bo, é que, progresivamente, ano a ano, estamos rebaixando o índice de ruído, así como advertimos unha diminución da poboación exposta a niveis superiores aos obxectivos de calidade acústica establecidos pola lexislación estatal para unha área acústica residencial'.