Ayuntamiento de A Coruña

07/04/2018 | News release | Distributed by Public on 07/04/2018 07:11

Riazor acollerá esta fin de semana a Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras en categoría feminina e masculina, “un evento que promociona a imaxe do concello como polo de[...]

O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, presentou este mércores a Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras en categoría feminina e masculina, proba que terá lugar nas augas de Riazor a vindeira fin de semana, nos días 7 e 8 de xullo, grazas á colaboración da administración local. Estas dúas competicións enmárcanse dentro da Eusko Label Liga (tamén denominada Liga ACT) de traiñeiras, a máis prestixiosa de toda a Península e a Liga Euskotren feminina. A competición masculina conta este ano con 19 xornadas, das cales, dúas se celebran nas augas de Riazor nunha xornada dobre que terá lugar o domingo e onde se porá en xogo a segunda Bandeira Cidade da Coruña nesta categoría. Non obstante, este ano, e dentro do compromiso do Concello coa promoción do deporte feminino, A Coruña tamén acollerá o sábado a Bandeira Cidade da Coruña de mulleres que se disputará, tamén, en formato de xornada dobre. En definitiva, e segundo destacou Lema na presentación deste evento deportivo, 'A Coruña acollerá catro regatas de primeiro nivel en tan só dous días'. O presidente do Consorcio de Turismo salientou que esta celebración promociona 'a imaxe da Coruña como referente do turismo ligado ao ocio e ao deporte náutico'. Ademais, Lema salientou que a competición achega, por si mesma, a un gran número de persoas á cidade, como así detectou o estudo de tendencias turísticas que o Concello realizou na edición do pasado ano en colaboración coa Escola de Turismo da Coruña e que repetirá este ano durante a fin de semana.

O presidente do Consorcio indicou que, ademais, os e as propias participantes, ademais dos seus correspondentes equipos, xa son un impulso, en si mesmos, para o turismo e hostalería durante a fin de semana. 'Hai que ter en conta que nas distintas competicións da fin de semana compiten 16 traiñeiras, 12 masculinas e 4 femininas cos seus respectivos staffs técnicos; o que é o mesmo, unhas 400 persoas no que se refire ao ámbito puramente deportivo', dixo o concelleiro, que sinalou que, ademais, o evento tamén será seguido pola caravana Eusko Label Liga, que tamén se aloxará na Coruña de venres a domingo. Os organizadores da ACT tamén destacaron a afluencia de afeccionados que esta fin de semana se achegarán á Coruña e pasarán a fin de semana na cidade. Ademais, as regatas serán emitidas en directo polas canles autonómicas galega e vasca.

Horarios

O sábado, ás 18.00 horas, dará comezo a primeira regata da Bandeira Cidade da Coruña feminina. Rematada a mesma, os doce clubs da Eusko Label Liga competirán na segunda Bandeira masculina. Posteriormente, as dúas regatas da segunda dobre xornada disputaranse o domingo, 8 de xullo. A partir das 11.45 horas comezará a regata feminina, que dará paso á masculina.