Ayuntamiento de A Coruña

08/01/2018 | News release | Distributed by Public on 08/01/2018 07:37

O Concello pon en marcha un dispositivo especial de seguridade durante os grandes eventos das Festas de María Pita 2018

O Concello da Coruña reforzará o dispositivo extraordinario de seguridade durante as Festas de María Pita, que se celebran desde hoxe e durante todo o mes de agosto na cidade. Así, os eventos que acollerán unha maior concentración de público, como son o ciclo de concertos As noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia, a Batalla Naval ou a Romaría de Santa Margarida, contarán cun dispositivo especial no que participarán unha media de 80 efectivos dos distintos corpos dependentes da área de Seguridade Cidadá, como son Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, ademais dos servizos sanitarios de Cruz Vermella, ademais dos incluídos nas quendas ordinarias de traballo cada servizo. Tal e como expón a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, este dispositivo 'quere garantir a seguridade da cidadanía durante unha celebración que debe ser aberta, accesible e gozada con liberdade'. 'A iniciativa adáptase este ano, ademais, á nova Lei de Espectáculos Públicos, para preservar, máis aínda, a seguridade das e dos espectadores', explica edil.

De cara á celebración dos concertos na praza de María Pita, que terán a Gloria Gaynor, Mercedes Peón, Estrella Morente, Raphael e Cantajuegos como protagonistas na súa primeira semana, a edil advirte de que os servizos de seguridade porán en marcha un plan específico 'para garantir tanto o tránsito peonil como a distribución de aforo na praza', así como os accesos e saídas ao espazo durante o desenvolvemento dos espectáculos. Desde xeito, en función do público asistente, contemplarase a posibilidade de facer algunhas rúas de sentido único peonil. Neste suposto, Rego de Auga e Franxa pasarán a ser de saída desde a praza, mentres que para entrar á mesma a cidadanía poderá empregar Porta Real, a rúa Florida ou a costa de San Agustín.

No caso do Festival Noroeste, contarase con imaxes nas pantallas dos escenarios informando á veciñanza dos consellos de seguridade, así como as vías de evacuación adaptadas segundo o público asistente. Ademais, nas noites do venres 10 e sábado 11, a partires das 22.00 horas, prevese cortar ao tráfico a circulación no Paseo Marítimo á altura da avenida de Buenos Aires, co obxectivo de facilitar o acceso do público que asista aos concertos.

En relación ao dispositivo, a concelleira destaca a importancia de seguir sempre as pautas e recomendacións dos servizos de seguridade e emerxencias. 'Ante calquera modificación que se poida dar durante a celebración dalgún evento, pregamos ao público asistente que siga as indicacións do persoal municipal', salienta a edil, quen lembra que a veciñanza pode consultar cos equipos de emerxencias calquera dúbida e, igualmente, comunicar calquera incidencia a través dos teléfonos da Policía Local (092), Bombeiros (080), Emerxencias (112) e urxencias sanitarias (061).

A responsable municipal da área de Seguridade Cidadá tamén lembra o carácter inclusivo da celebración, que contará con zonas especiais reservadas, 'que estarán debidamente sinalizadas', para persoas con diversidade funcional tanto na praza de María Pita coma no escenario de Riazor do Festival Noroeste Estrella Galicia. 'As festas da cidade deben ser tamén unha ferramenta para promover e garantir o dereito á igualdade e á diversidade', apunta Fraga, quen fai fincapé na aposta do goberno local por acadar unhas festas libres de violencias machistas.

'Desde o verán de 2015 o Concello da Coruña considera fundamental concienciar á veciñanza da importancia de gozar dos festexos nun marco de convivencia libre de violencias. Cremos que a loita contra as violencia machistas debe ser compartida por toda a cidadanía, debe ter lugar todos os días do ano. Tamén agora. Por iso facemos un chamado á veciñanza, para lembrar que todos e todas temos dereito a unhas festas libres de calquera tipo de violencia ou discriminación', sinala Fraga, quen lembra que o goberno local ten á disposición da cidadanía, na páxina web municipal www.coruna.gal/igualdade, o Decálogo para unha cidade libre de violencias machistas, 'que destaca na súa aposta pola dignidade, o respecto á intimidade e os coidados'.

Decálogo para unha cidade libre de violencias machistas

1. Dignidade. Tratar con respecto á xente, a cadaquén.

2. Recoñecer e pór en valor a Diversidade.

3. Evitar illamento, exclusión e marxinalidade.

4. Respectar a intimidade. Evitar agresións e invasións dos espazos de intimidade das persoas.

5. Coidar: cóidate, coida, coidémonos.

6. Ser responsable das relación que cadaquén quere establecer.

7. Cando alguén di NON ante unha oferta sexual explícita é NON E XA! Non é cuestión de interpretacións: NON é NON.

8. Nada xustifica unha agresión sexista. Formos de onde formos, vistamos como vistamos, liguemos como liguemos... Temos dereito a estarmos, a celebrarmos e a gozarmos en Igualdade.

9. Rompe a cadea de actitudes e comportamentos machistas; pensa no que van reproducir os nenos e as nenas.

10. Ante unha agresión, verbal, sexual ou física na rúa: ACTÚA!