Results

Ayuntamiento de A Coruña

02/16/2017 | News release | Distributed by Public on 02/16/2017 13:41

Xulio Ferreiro pide que o Goberno central reduza a tutela financeira sobre as administracións locais

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este xoves na primeira sesión das Xornadas Municipalistas por un Financiamento Xusto, que teñen lugar en Valencia e que reúnen a rexedores e rexedoras de varias cidades do Estado. Ferreiro interveu na mesa redonda que abordou as posibilidades de reforma do financiamento local, onde defendeu o principio de autonomía municipal fronte ás tutelas do Goberno central ou outras administracións. O alcalde coruñés estivo acompañado no debate, celebrado no Palau de Congressos de Valencia, pola alcaldesa de Madrid, Manuel Carmena; a alcaldesa de Badalona, Dolors Sabater; a alcaldesa de Castelló de la Plana, Amparo Marco Gual; o concelleiro de Facenda do Concello de Zaragoza, Ramón Vilar; e o primeiro tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello.

'Temos un sistema tributario local excesivamente ríxido, incapaz de adaptarse ás variacións da realidade económica local. Carecemos de instrumentos eficaces para incidir desde os concellos como nos gustaría sobre a evolución da realidade económica, agora marcada pola crise', asegurou Ferreiro, que apostou despois por 'un novo sistema de financiamento ambicioso e rupturista'. 'É necesario desenvolver o principio de Autonomía Local, ensanchando o espazo fiscal propio das Administracións Locais, probablemente ampliando a relación de tributos propios, pero, fundamentalmente, ampliando a capacidade de actuación dos concellos sobre eses tributos, outorgándolles capacidade normativa suficiente para adaptar o sistema fiscal local á súa realidade socio-económica en cada momento, con medidas que permitan incorporar progresividade aos tributos locais', indicou o alcalde durante a súa alocución.

Segundo afirmou Ferreiro, 'o desenvolvemento da Autonomía Local non é posible sen reducir a tutela financeira que o Goberno central e, en menor medida, as comunidades autónomas, veñen exercendo sobre os concellos, que ten os seus exemplos máis evidentes na urxencia da eliminación da taxa de reposición de efectivos ou calquera outra limitación para incorporar o moi necesario persoal para poder ofrecer un bo servizo á cidadanía'. Así mesmo, o rexedor coruñés volveu 'esixir' a 'derrogación da Lei de Reforma Local do ano 2013 --a coñecida como Lei Montoro--, obxectivo polo que pulamos moitos concellos pero que, por desgraza, foi rexeitado, na formulación que desexabamos, esta mesma semana no Congreso dos Deputados. Con todo, seguiremos traballando nese sentido', sinalou.

O alcalde e a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, participarán mañá, venres 17, na segunda sesión das xornadas, nas que se presentará a Declaración de Valencia, que será asinada por distintos concellos do Estado.