Universidade de Santiago de Compostela

04/12/2017 | News release | Distributed by Public on 04/12/2017 06:57

O Campus Terra da USC e Larsa lanzan os premios innovación á alimentación saudable ‘Impulsando Galicia’

Barreiro, Argerey, Tellado, Viaño, Bueno e Valcárcel, na planta de Larsa en Outeiro de Rei

O Campus Terra da USC e a Corporación Alimentaria Peñasanta SA (Capsa), a través da súa factoría láctea Larsa, poñen en marcha os premios innovación á alimentación saudable 'Impulsando Galicia', unha iniciativa orientada a promover a saúde a través da nutrición e os hábitos de vida saudables, a través da que os seus promotores pretenden aproveitar o talento e xerar valor compartido que contribúa a avanzar cara un sector agroalimentario sustentable.

O obxecto destes premios, cuxas bases están accesibles na web www.leitelarsa.es, contempla tres piares, como o son a canalización do coñecemento e do talento da sociedade e, nomeadamente o xerado no eido universitario, cara o emprendemento empresarial, o desenvolvemento de novos produtos lácteos e a implantación de innovacións tecnolóxicas en produtos, puntos de venda, ganderías, procesos de fabricación, ingredientes..., segundo indicou o director xeral de Corporación Alimentaria Peñasanta SA (Capsa). José Armando Tellado Nogueira sinalou asemade que esta nova iniciativa, que se encadra nas accións de responsabilidade social corporativa de Capsa, pretende servir de acicate para fortalecer e modernizar o sector lácteo galego.

A convocatoria dos premios innovación á alimentación saudable 'Impulsando Galicia' responde a unha acción puntual do acordo marco asinado este ano por Capsa e USC, sinalou o reitor da USC, Juan Viaño, para logo engadir que a finalidade desta iniciativa coincide en gran medida coas prioridades do Campus Terra da USC, que non son outros que os de aproveitar e poñer en valor os recursos da terra, dixo.

A colaboración da institución académica compostelá coa empresa privada, como é o caso da factoría láctea Larsa, constitúe unha alianza proveitosa cara o desenvolvemento e a modernización de sectores estratéxicos, tal e como é o sector leiteiro en Galicia e mesmo en Asturias, favorece a innovación, axuda a xerar riqueza e mesmo contribúe a fixar poboación nas áreas do medio rural con demografía moi baixa, sinalou o rietor da USC.

O cometido que xa está a desenvolver e que pode seguir a realizar no futuro a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC, un centro de I+D+i de referencia en Europa e especializado no desenvolvemento tecnolóxico do sector leiteiro e doutras tecnoloxías alimentarias, foi outro dos argumentos apuntados por Juan Viaño para salientar a contribución da institución académica compostelá ao desenvolvemento social e económico da súa contorna e especialmente no que relacionado co sector leiteiro.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a profesora da USC e secretaria académica da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC, Montserrat Valcárcel, tamén participaron na presentación dos premios innovación á industria alimentaria ' Impulsando Galicia', un acto desenvolvido este mércores na factoría Larsa de Outeiro de Rei. Os vicerreitores de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro, así como o director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta), Enrique Arbones, entre outros, tamén asistiron á sesión.

Premios 'Impulsando Galicia'

Os premios 'Impulsando Galicia' son unha iniciativa aberta a estudantes universitarios, emprendedores, sociedades mercantís, empresas e universidades. Cada participante poderá presentar os proxectos que desexe, que se deben desenvolver no Principado de Asturias ou en Galicia. As persoas interesadas poderán remitir as súas propostas desde o 2 de maio ata o 2 de xullo ao enderezo electrónico [email protected].

Este certame está articulado en dúas fases, a inicial de recepción de proxectos e selección das mellores ideas e unha posterior, na que se procederá á presentación e ao desenvolvemento das ideas seleccionadas. Os tres proxectos mellor valorados polo xurado, cuxa composición tamén aparece recollida nas bases do certame recibirán premios económicos por un importe de 5.000, 3.000 e 1.000 euros, respectivamente. O fallo da primeira edición deste certame darase a coñecer en xullo de 2018 e, no caso de que Capsa acorde desenvolver e comercializar os produtos o proxectos desenvolvidos, a compañía compartirá unha porcentaxe dos beneficios xerados cos seus promotores.


Outras imaxes

Barreiro, Tellado, Viaño, Valcárcel, Arbones e Bueno, na sede da APLTA