Ayuntamiento de A Coruña

11/07/2017 | News release | Distributed by Public on 11/07/2017 09:36

A Coruña acolle sete das exposicións do festival 'Outono Fotográfico', que celebra a súa XXXV edición baixo o título 'Descrenzas'

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento deu a coñecer esta mañá os equipamentos municipais que, durante os meses de novembro e decembro, acollerán sete das exposicións de Outono Fotográfico, o festival decano do sector na península ibérica. Tal e como lembrou o edil José Manuel Sande, a cidade da Coruña participará de novo, 'no encontro, a grande escala, da imaxe en Galicia', e que 'propicia o coñecemento da obra dun amplo conxunto de creadoras e creadores de todo o mundo'. O festival, que celebra este ano a súa XXXV edición baixo o título Descrenzas, conta nesta ocasión con 85 exposicións do traballo de 280 autoras e autores que se mostrarán en 22 cidades diferentes de Galicia e Portugal. A este respecto, o responsable da mostra, Xosé Luis Vázquez, que acompañou ao concelleiro na presentación, salientou precisamente 'o percorrido internacional do encontro, que se reflicte no volume de traballos recibidos como no seu coñecemento fóra do Estado'.

O municipio coruñés acollerá, até o 31 de decembro, un total de sete exposicións en cinco espazos públicos, co obxectivo de diversificar e expandir a proposta artística do Outono Fotográfico por toda a cidade. Neste mes de novembro e até o día 29, na Casa Museo Casares Quiroga, poderá visitarse a mostra colectiva Falando en Prata VII --inaugurada o pasado venres polo concelleiro de Culturas--, 'que recupera a fotografía química e propón imaxes de laboratorio',segundo sinalou Vázquez, e na Casa Museo María Pita Nocturna, de Alexandre Cortinhas, 'unha obra que presenta moito interese antropolóxico, xa que retrata a diferentes persoas no seu hábitat natural'.

Pola súa banda, as bibliotecas do Ágora, Castrillón e Os Rosais exhibirán senllas mostras até o día 30 de novembro. Na primeira delas estará María, de Manolo e Pat 'Celta', 'unha homenaxe en imaxes á súa nai', sinalou Vázquez; mentres que no Castrilllón exhibirase o traballo A mente en branco do fotógrafo ourensán Plácido L. Rodríguez. Por último, nos Rosales, o público poderá visitar o ensaio Viacrucis de Blas González.

Xa mes de decembro, as casas museo acollerán as dúas novas exposicións coas que se pechará a programación deste 2017 nestes espazos. A Casa Museo María Pita mostrará a obra Á la première étincelle, c'était l'explosion, de Laura Ben Hayoun --que forma parte da sección oficial do festival--, mentres que a Casa Museo Casares Quiroga será a sede de Drifting to silence, da arquitecta brasileira Mariana Guardani.

Para máis información sobre a programación e actividades do XXXV Outono Fotográfico, pódese visitar a páxina web www.outonofotografico.com