Ayuntamiento de Ourense

05/22/2017 | News release | Distributed by Public on 05/22/2017 12:13

Burning, o mércores 28 de xuño na Praza Maior, nova incorporación ao cartel das festas de Ourense

As Festas de Ourense 2017 amplían a súa programación musical cunha das bandas máis populares e lonxevas do panorama rock nacional: Burning, que actuará o día 28 de xuño na Praza Maior. A lendaria banda de rock madrileña cumpridos xa os seus seus primeiros 40 anos de traxectoria chega a Ourense liderada por Johnny Burning (voz e teclado), con Kacho Casal na batería, Carlos Guardado no baixo e coros, Eduardo Pinilla na guitarra), Nico Álvarez na guitarra e coros, e Maykol Slingluff (no saxo), sempre a ritmo de rock & roll.

'Jim Dinamita', 'Esto es un atraco', 'Ginebra Seca', 'Mueve tus caderas' o '¿Qué hace una chica como tú en un sitio como este?' son algúns dos seus clásicos máis coñecidos, que interpretarán en Ourense, xunto con outros máis recentes, coma 'Todo a cien', 'Bestia Azul' ou o tema que lle dá titulo á xira 2017 da banda, 'Corre conmigo'.

Desde o mes de marzo, Burning está en ruta por España, actuando nas cidades de Valencia, Barcelona, Valladolid, Guadalajara, Santiago, Santander, Pamplona, Bilbao, Murcia e Granada.Burning conta con 15 discos editados (12 de estudio e 3 máis en directo), o último deles Vivo y salvaje, concerto homenaxe ao grupo polos seus 40 anos de traxectoria, gravado o día 9 de maio de 2015 no Pavillón dos Deportes de Madrid.

O concerto de Burning será o mércores 28 de xuño. Ás 22.30 horas actuará un grupo teloneiro, e a banda madrileña comezará en torno ás 23.30h.

Quinta confirmación do programa das Festas de Ourense 2017

O concerto de Burning é a quinta cita musical que se incorpora á programación das Festas de Ourense 2017, que organiza o Concello. Arrancarán coa actuación de Iván Ferreiro (24 de xuño, 22:30 horas, trala lectura do pregón na Praza Maior) dentro da xira que o artista vigués realiza para presentar as cancións do seu novo álbum, Casa (Warner Music, 2016).

O luns, 26 de xuño, á mesma hora, a Praza Maior de Ourense viaxará no tempo para homenaxear á mellor música dos anos 80 e 90, coa actuación de La edad de oro del pop español, a superbanda formada por Alberto Comesaña (ex líder de Semen Up e Amistades Peligrosas), Joaquín Padilla (cantante de Iguana Tango), Pablo Perea (La Trampa) e a cantante e actriz Chus Herránz, acompañados por unha excelente banda de 4 músicos do máximo nivel.

O día 30 de xuño será outra das citas máis populares, co trío Sweet California, no Xardín do Posío. As entradas están xa á venta en ticketea.com (5€ venta anticipada e 7€ en billeteira o día do concerto).

E o día 1 de xullo terá lugar o Enofestival Ourense 2017, de 20:30 a 0:30 horas no Bulevar Termal de As Burgas. O certame márcase como obxectivo promocionar a cultura do viño, contando coa presenza de adegas e colleiteiros/as da provincia de Ourense, cun perfil definido: viños auténticos, de 'autor', e un elenco musical nesta terceira edición formado pola formación ourensá MCarballo Band, The Limboos e Arizona Baby.