Ayuntamiento de A Coruña

09/06/2017 | News release | Distributed by Public on 09/06/2017 14:11

O Concello presenta alegacións ao proxecto de Fomento para Alfonso Molina que pretenden “garantir a seguridade e accesibilidade da vía, así como reducir a contaminación[...]

O Concello da Coruña vén de remitir ao Ministerio de Fomento as súas alegacións sobre o proxecto de reforma de Alfonso Molina que, neste momento, está en período de información pública. O informe realizado polo departamento municipal de Rexeneración Urbana fai notar que o proxecto do goberno central 'non contempla algunhas das propostas de mellora' que foron acordadas entre Concello e Ministerio durante o período de negociacións que ambas institucións mantiveron. O concelleiro Xiao Varela salientou que 'as alegacións do Concello pretenden mellorar ao máximo o proxecto da Vedra, garantindo as condicións de seguridade, funcionalidade e accesibilidade de todos e todas as usuarias da vía, tanto peóns como ciclistas, condutores e condutoras'. 'Ademais, o que pretendemos con este informe é introducir melloras que contribúan a reducir a contaminación acústica e ambiental do entorno inmediato da Avenida', explicou.

O informe emitido polo Concello tamén recorda que ao longo das reunións mantidas entre a administración local e a central, o departamento naquel momento dirixido por Ana Pastor asumiu o compromiso de incluír no proxecto de trazado as previsións necesarias para garantir a sostibilidade da actuación. 'Non só a económica, senón tamén a social e ambiental, facéndose cargo o ministerio dos costes correspondentes', apunta Varela, indicando que o citado compromiso debe ser plasmado tamén no proxecto definitivo.

Por outro lado, o informe remitido ao Ministerio de Fomento tamén destaca a necesidade de acadar 'un deseño que resulte máis respectuoso cos elementos patrimoniais incluídos no entorno das actuacións'. Se ben o proxecto indica que non afecta a elementos protexidos como a igrexa de San Vicente de Elviña, o edificio da SEAT, a fábrica de Coca-Cola e o hórreo de Carrefour, o Concello alega que 'se omite a existencia doutros bens suxeitos tamén a protección, como é o caso o caso dos hórreos e o cruceiro de San Vicente de Elviña e o territorio histórico do Camiño Inglés'.

Itinerarios peonís e ciclistas

Entre as eivas detectadas tamén figuran tamén varias relativas á integración dos itinerarios ciclistas e peonís con pasarelas e paradas de bus. O texto remitido a Fomento indica que o proxecto exposto conta con franxas de terreo reservadas a itinerarios peonís 'que discorren de forma paralela á calzada pero sen integrarse con elas'. O Concello tamén bota en falta a integración destas sendas coas paradas de bus 'que quedan moitas veces illadas destes itinerarios propostos o que dificulta a súa utilización e pon en risco a seguridade'. 'Para nós unha das eivas principais do proxecto en exposición está, precisamente, na falla de seguridade que presentan algunhas das paradas, que obrigan aos peóns a un desprazamento fora de itinerarios peonís seguros', insistiu o concelleiro.

Varela destaca, ao fío, que 'o proxecto non semella contemplar, ademais, a realización de itinerarios ciclistas e peonís diferenciados, o que si figuraba na alternativa consensuada co ministerio'.

Transporte público

No que atinxe ao transporte público, a documentación do proxecto indica que a actuación afectará directamente a cinco paradas de transporte urbano de xeito directo e a unha sexta indirectamente (a que se localiza xunto á pasarela proposta en Pedralonga). Segundo indican dende Rexeneración Urbana 'estas paradas seguen a presentar problemas de accesibilidade e seguridade'. 'As paradas de bus están previstas nos cebreados, e para chegar a elas, nalgúns casos, hai que cruzar parte da estrada, cos consecuentes problemas de seguridade e accesibilidade que supoñen', evidenciou.

O Concello tamén fai notar unha serie de deficiencias --e plantexa as consecuentes alternativas-- no que atinxe as pasarelas previstas nesta actuación, que deben ser entendidas como parte da conectividade peonil e ciclable. 'Solicítase un deseño en continuidade cos itinerarios, no que as pasarelas non se perciban como unha interrupción das mesmas', indica o informe de Rexeneración Urbana, que recorda a necesidade de que o ancho destas infraestruturas se achegue o máis posible ao dos itinerarios ciclables e peonís, sendo o mínimo de 4 metros.

Pasarela de Pedralonga

No que atinxe á pasarela prevista en Pedralonga, o Concello indica que é preciso acometer esta infraestrutura desenvolvendo a rampa 'de forma análoga á que ten a Fábrica de Armas, lineal e seguindo o percorrido natural cara ao centro comercial Alcampo'. Ademais, de forma adicional, considérase necesario prever unha parada de autobús, integrando a propia marquesiña no seu deseño. Nas súas alegacións, a administración local coruñesa insiste na importancia de que 'esta pasarela estea prevista nunha separata do proxecto, de maneira tal que se poida proceder a súa licitación e execución á marxe da actuación principal e de xeito inmediato, tal e como se tiña acordado co Ministerio de Fomento'.

'Precisamente porque se chegou a acordo, consideramos que esta actuación debe figurar como preferente na resolución de aprobación definitiva do proxecto e instamos ao executivo central a súa execución, pois é a súa responsabilidade e en un acordo explícito da ex ministra, ao que chegamos a comezos do pasado ano', subliña o titular de Rexeneración Urbana. 'O principal interese do Concello é a execución máis pronta posible, dada a súa histórica necesidade e as graves deficiencias de conectividade peonil e ciclista en núcleos como o de Palavea', indica o informe municipal.

Protección ambiental e acústica

Por último, entre as melloras propostas polo Concello ao documento en fase de exposición de Fomento, o goberno local fai fincapé no ámbito ambiental. 'O proxecto é xenérico, non define de forma precisa as actuacións a levar a cabo para a realización das áreas verdes', describe. O executivo municipal propón, entre outras cuestións, 'empregar un firme flexible consistente nunha mistura asfáltica que teña capacidade suficiente para reter metais pesados e que neutralice os gases procedentes da combustión dos vehículos'. Varela fai notar que 'con esta solución se manterían as condicións de seguridade e se conseguiría unha mellora ambiental importante, ao reducir a emisión de gases invernadoiro á atmosfera e mellorar a calidade do aire'.

En canto ás especies escollidas para as áreas verdes, incídese en que a proposta non só non é a adecuada, senón que, ademais, ten un investimento escaso. 'Só se prevén 247.266 euros para a restauración paisaxística e de xardinería da zona afectada, unha cantidade que, probablemente non sexa adecuada para levar a cabo un plantexamento similar ao actual'.

O Concello tamén salienta que o proxecto fai mención á normativa de aplicación en materia de ruídos, mais non concreta as actuacións que se levarán a cabo, aínda a pesar de que foi a propia administración coruñesa a que insistiu nas negociacións con Fomento da importancia deste feito, que a levou, entre outras medidas, a aprobar o pasado agosto en xunta de goberno local un Plan de Acción en Materia de Ruídos.