Ayuntamiento de A Coruña

10/05/2018 | News release | Distributed by Public on 10/05/2018 10:15

A oficina de consumo inicia unha nova tempada de formación na que participan máis de 7.000 escolares e que está dirixida tamén a entidades e colectivos sociais

O servizo de Consumo do Concello inicia unha nova edición do programa formativo A Coruña e o Consumo, no que participan máis de 7.000 alumnos e alumnas de máis de 40 centros educativos. A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) comeza así a tempada de actividades educativas, que ademais de estar dirixidas a público adulto e escolar, contempla accións deseñadas para colectivos e entidades sociais.

A OMIC oferta, a través do programa Coruña Educa, obradoiros enfocados ao consumo para os centros educativos da cidade e dos que xa confirmaron a súa participación 41 deles --dende Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e ciclos formativos--. Nestes talleres impartirase formación a 7.741 alumnos e alumnas nun total das 327 actividades que están programadas polo momento. Isto supón un aumento da asistencia respecto das pasadas edicións. Todas as actividades están coordinadas co persoal docente dos centros e son levadas a cabo e dinamizadas por educadoras e educadores especialistas en consumo aportados pola OMIC.

Ademais das actividades para escolares, a oficina de consumo tamén oferta un amplo programa de actividades para adultos, tanto para realizar en colectivos, entidades ou centros cívicos, como as que se celebran con carácter mensual na propia OMIC e que teñen unha participación media de 25 persoas por obradoiro. Esta programación complétase ao logo do ano con outras actividades puntuais como a escola de verán, os campamentos, as campañas específicas ou a publicación de novos folletos e manuais.