Ayuntamiento de A Coruña

11/29/2018 | News release | Distributed by Public on 11/29/2018 08:38

O Concello favorece a implantación de vehículos adaptados e de baixa emisión no servizo de taxi da cidade cunha liña de subvencións que ascende a 60.000 euros

A Concellería de Mobilidade Sostible, dirixida por Daniel Díaz Grandío, vén de resolver a convocatoria de subvencións destinada a favorecer a renovación da flota de taxis da Coruña coa implantación de vehículos de baixas emisións ou adaptados a persoas con problemas de mobilidade. Deste xeito, o goberno local concederá axudas por valor de 60.000 euros a un total de 23 persoas que renovaron os seus vehículos de traballo, optando, ou ben por adaptalos ás normativas de accesibilidade (os denominados eurotaxis) ou ben por adquirir un turismo híbrido, glp, de gas natural, eléctrico ou de calquera outro combustible alternativo e menos contaminante.

'Grazas a esta liña de subvencións, a flota de taxis da cidade, vehículos que realizan un alto consumo de combustible, conta con 16 novos vehículos que arroxan menos emisión á atmosfera e que, polo tanto, son menos contaminantes, así como 7 adaptados que cumpren as esixencias necesarias para ser denominados eurotaxi', comentou o concelleiro Díaz Grandío, que recordou os esforzos realizados ao longo deste mandato municipal por fomentar a accesibilidade, non só no espazo público a través de actuacións de rehabilitación e renovación, senón tamén no transporte público. 'Fomentamos que a flota de autobuses urbanos sexa accesible e, nesa mesma liña, tratamos de contribuír a que o maior número posible de taxis da cidade estea adaptado para persoas con mobilidade reducida', explicou. 'Este goberno actúa de forma transversal en todos os eidos. Mentres que dende Mobilidade facilitamos a renovación da flota e a adaptación dos taxis, Xustiza Social ten en marcha o programa bono taxi destinado, precisamente, a facilitar a mobilidade de persoas con problemas para desprazarse no transporte público colectivo', apuntou.

Máis de 250.000 euros en catro anos

Unha vez resolta a convocatoria de subvencións, os nomes das persoas solicitantes que resultaron adxudicatarias das axudas, así como os daquelas que quedaron no listado de agarda serán publicadas nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O titular de Mobilidade Sostible salientou que coa partida deste ano, 'no que vai de mandato o Concello leva investidos 255.000 euros en convocatorias para o fomento da renovación e a adecuación da flota de taxis'.