Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2017 | News release | Distributed by Public on 11/30/2017 07:13

O Fórum Metropolitano e o CGAI acollen en decembro un ciclo de cinema organizado pola agrupación astronómica Ío co apoio do Concello

O Fórum Metropolitano e o CGAI acollen no mes de decembro un ciclo de cinema organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío coa colaboración da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento que repasará, desde mañá venres e ata o sábado 23 de decembro, títulos clásicos da ciencia ficción. O programa inclúe tamén dúas sesións audiovisuais no CGAI sobre a vinculación do cine e o ceo, que se presentan baixo o epígrafe Visións do ceo. Así ocorre coa proxección deste venres, 1 de decembro, na filmoteca, onde se poderá ver, desde as 20.30 horas, o filme Pictures of light, do canadiense Peter Mettler e a curta experimental Fogos, unha produción dos Museos Científicos coruñeses. Ambas contarán coa presentación do director da rede de Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o crítico Martin Pawley, da asociación astronómica Ío, co-directores da curta. Ao día seguinte, o CGAI proxectará desde as 18.00 horas as curtas Banewl e The green ray, da artista plástica inglesa Tacita Dean, que tamén estarán introducidas por Martin Pawley.

En canto á programación do ciclo no Fórum, presénsase baixo o título Ciencia (e) ficción, e dará comezo o xoves, 7, venres, 8, e sábado, 9, -20.30 horas- coa película francesa La planète sauvage, de René Laloux, un dos primeiros filmes de animación franceses dirixido a un público non infantil, e adaptación libre da novela de ciencia ficción Oms en série. Na sesión do venres haberá presentación e coloquio co escritor Xabier P. Docampo. O xoves, 14, venres 15 e sábado 16, no mesmo horario, poderase ver o clásico do xénero Forbidden planet, dirixida por Fred M. Wilcox, un dos filmes seminais da ciencia ficción dos anos 1950 e unha parábola sobre os perigos do poder ilimitado e a tecnoloxía desenfreada. A sesión do venres 15 contará na presentación e o coloquio co concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. Por último, o xoves 21, venres 22, e sábado 23, tamén ás 20.30 horas, proxectarase The day the earth stood still, un filme de 1951 dirixido por Robert Wise e todo un clásico da ciencia ficción. O director dos Museos Científicos Coruñeses participará na presentación e o coloquio da sesión do venres.