Ayuntamiento de A Coruña

10/04/2017 | News release | Distributed by Public on 10/04/2017 10:06

O Concello destina 386.613 euros á renovación da Rolda de Outeiro, no tramo entre a Avenida do Ferrocarril e a rúa da Merced

O goberno local iniciará nas próximas semanas as obras de renovación e rehabilitación de firmes da Rolda de Outeiro, no tramo comprendido entre a avenida do Ferrocarril e a rúa da Merced, uns traballos que se prolongan ao longo de 940 metros desta vía, nos dous sentidos de circulación (un total de 20.350 m2) e que dan continuidade aos xa contratados para o treito que vai desde a Avenida de Fisterra até a de Arteixo. A Concellería de Emprego e Economía Social, que ten encomendada a área de Contratación, levará á vindeira Xunta de Goberno Local a adxudicación desta nova fase das obras por un importe de 386.613 euros, para acometer os traballos de renovación dos firmes da calzada, a reparación dos elementos de drenaxe perimetrais da vía, a reposición e o repintado da sinalización vertical e horizontal, a regularización da cota das tapas dos diversos servizos con respecto ao pavimento e a reposición de elementos de mobiliario urbano, como colectores de lixo ou ramplas de acceso a garaxes. O obxectivo da actuación, segundo sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, pasa por 'conseguir un espazo urbano de calidade que poña a punto, non só o viario para o tráfico rodado senón tamén polo seu uso peonil por parte da veciñanza, mellorando a comodidade e a durabilidade do pavimento e reforzando a seguridade'.

Como tamén indica o responsable municipal, os traballos terán un prazo de execución de cinco meses e se realizarán preferentemente en horario nocturno ou en fin de semana, dado que afectan a unha arteria principal. Esta intervención dá continuidade á renovación e rehabilitación do treito entre a avenida de Fisterra e a avenida de Arteixo, que ten un prazo de execución de tres meses e que suporá un investimento de 239.634 euros.