Ayuntamiento de Ourense

03/31/2021 | News release | Distributed by Public on 03/31/2021 02:59

Posta en valor dos activos municipais no complexo de San Francisco

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anuncia a posta en valor dos activos municipais no Complexo de San Francisco. 'A área', di, 'terá un bar-cafetería, e o aparcadoiro do recinto do Auditorio estará operativo as 24 horas con pago/hora'. Ademais, afirma o rexedor, 'o Auditorio será explotado por profesionais auténticos da industria do entretemento ou Show Business'.

O bar-cafetería estará situado no local da antiga sede do festival de cine, ocupada actualmente pola Escola de Artes e de Oficios da Deputación, e terá opción a dúas zonas de terraza, unha situada na chaira do auditorio, e outra na chaira da biblioteca pública. 'Revitalizará a zona dándolle servizo a usuarios da biblioteca e das actividades do Auditorio', explica Pérez Jácome. 'A Escola, pola súa banda, dispoñerá de máis metros noutro local municipal anexo a partir de setembro 2021, tal como se acordou co ente provincial esta semana'.

O aparcadoiro, que supera as 100 prazas e que actualmente só abre de 8 a 15 horas, pasará a operar como calquera aparcadoiro público, 24 horas do día, 365 días ao ano, e cobrando por hora.

Pola súa banda, 'o Auditorio terá unha explotación profesional, tanto técnica como artística, e dará dous servizos: un para cubrir as necesidades municipais e as programacións do Concello', explica o alcalde, 'e outra realizando programacións por iniciativa propia, con eventos culturais do Show Business que deberán adaptarse aos gustos e aos tempos da cidadanía e non aos gustos dos programadores ou desexos dos provedores do sector'.

'O público que asistirá ao Auditorio', di o alcalde, 'pasará a ser maioritario e variado, no canto de minoritario e repetido'. 'As cidades de Vigo e A Coruña', prosegue, 'ambas as con gobernos de esquerdas no pasado e hoxe, xa licitaron a explotación dos seus auditorios principais', lembra. 'E en Madrid, até os Teatros del Canal, da Comunidade Autónoma, están tamén externalizados'.

O Concello estudará a licitación conxunta, ou por lotes, destes servizos. O luns 5 de abril contrataranse os servizos para un estudo de viabilidade económica dos 3 espazos, requisito previo á licitación.