Ayuntamiento de A Coruña

07/01/2018 | News release | Distributed by Public on 07/01/2018 11:16

O grupo de goberno local leva a Pleno unha moción para que A Coruña sexa un “territorio libre de caza”

O Pleno municipal debaterá este luns dúas mocións impulsadas polo grupo de goberno para que A Coruña sexa un 'territorio libre de caza' e para que o Ministerio de Fomento, a través de AENA, incremente a operatividade do aeroporto de Alvedro, ante os bos datos de crecemento que rexistra.

A primeira iniciativa, que será defendida pola concelleira de Medio Ambiente, María García, insta á Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para suspender a ordenación dos denominados 'dereitos cinexéticos' no termo municipal da Coruña, tanto por motivos de interese xeral, como porque o Tecor (Terreo Cinexéticamente Ordenado) San Fernando-Vicente, próximo aos núcleos de Mesoiro e Novo Mesoiro, non conta coa superficie mínima esixida pola lei de caza de Galicia. 'Na Coruña, dende hai décadas, contamos cun tecor, o que antes se denominaba coto de caza, que afecta pola súa proximidade a distintos núcleos de poboación. Nunha cidade onde escasean as zonas verdes e as zonas de recreo, a caza é unha actividade excluínte, xa que moitas persoas non se achegan até o monte por medo a sufrir algún accidente', comenta a titular municipal, que tamén recorda que a caza, en si mesma, 'cuestiona os principios do benestar animal'.

A moción tamén explicita que a caza ten unha compoñente contaminante 'xa que deixa na nosa cidade milleiros de perdigóns de chumbo, responsables do envelenamento e morte de aves e dos seus predadores'. 'Por se todo isto fora pouco, ademais de pola alarma veciñal que xera este espazo a unha parte da veciñanza, o tecor da Coruña non conta coa superficie mínima e contínua de 2.000 hectáreas esixidas pola Lei de Caza de Galicia de 2013, o cal non só aumenta a súa perigosidade, senón que constitúe un argumento máis para cesar coa actividade cinexética', apunta a moción. 'A Xunta, dende logo, non pode mirar cara a outro lado cando ten un espazo que non se adapta a súa propia normativa e que, ademais, non ten en conta o crecemento e a evolución dos barrios da cidade', resume a titular de Medio Ambiente.

Por outro lado, o grupo de goberno local tamén levará a Pleno outra moción para instar tanto ao Fomento como a AENA, en calidade de xestor aeroportuario, a 'aumentar e revisar á alza os horizontes previsibles da súa estimación de crecemento para Alvedro, tanto en pasaxeiros como en operacións' de forma que se revise o seu Plan Director e con el, as previsións de actuación. En concreto, segundo explica o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, 'é preciso incluír no Plan Director do aeroporto o compromiso de execución das medidas necesarias para incrementar a operatividade da pista da terminal'. Por outro lado, o edil indica que 'o aeroporto debería dotarse dunha conexión directa coa AP-9, así como ampliar e mellorar o servizo do bus lanzadeira, axustándoo ao sistema xeral de mobilidade da área metropolitana'.

'A pesar das melloras para o aeroporto que recolle do Plan Director de AENA, como por exemplo a previsión de ampliar a terminal de pasaxeiros ou a plataforma de aviación en xeral, este documento non recolle ningunha medida que supoña, realmente, un verdadeiro aumento da operatividade da pista, de cara a adaptala ás necesidades de aeronaves con maior capacidade de carga, o cal limita o crecemento da terminal, así como as rutas e destinos superiores ás tres horas de voo as que pode optar', salienta Lema.