Universidade de Santiago de Compostela

04/11/2017 | News release | Distributed by Public on 04/11/2017 02:48

Unha metodoloxía desenvolvida no Campus Terra define as zonas máis óptimas para aproveitar a enerxía das correntes de marea INVESTIGACIÓN

[Attachment]
Ángela Vázquez, entre Rodrigo Carballo e Gregorio Iglesias

A enxeñeira industrial Ángela Vázquez Álvarez vén de desenvolver unha nova metodoloxía para optimizar a selección das zonas de máis interese para o aproveitamento da enerxía das correntes de marea. Os resultados desta investigación están recollidos na tese de doutoramento 'The economics of tidal stream energy: a spatial appoach', desenvolvida baixo a dirección dos profesores Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo e que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.

A investigación de doutoramento realizada por Ángela Vázquez responde a estudos realizados en enclaves da costa galega, aínda que os resultados da metodoloxía desenvolvida son aplicables e extrapolables a calquera zona costeira. De feito, a achega realizada por esta enxeñeira industrial respecto á determinación acertada das mellores áreas para o aproveitamento de enerxía das correntes de marea toma como criterios de selección a combinación do custe (analizado por vez primeira desde unha perspectiva espacial) con información respecto doutros usos potenciais do espazo marítimo.

O enxeñeiro naval e profesor titular do Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade da Coruña José Ángel Fraguela Formoso foi o encargado de presidir o tribunal responsable de avaliar a tese de doutoramento presentada por Ángela Vázquez, un xurado do que tamén formou parte a Andrés Payo García, xeomorfólogo costeiro da British Geological Survey, e a profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, Montserrat Valcárcel, quen actou como secretaria.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Ángela Vázquez Álvarez acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento.