Ayuntamiento de A Coruña

03/19/2017 | News release | Distributed by Public on 03/19/2017 04:58

O Goberno local aborda o proceso de reordenación do Parque do Observatorio 'co obxectivo de dotar á cidadanía do Agra do espazo público que historicamente reclama'

O Goberno local da Coruña está decidido a 'atender as reclamacións históricas da veciñanza do Agra do Orzán, que leva anos demandando máis espazos públicos e verdes no seu entorno'. Así se manifesta o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen indica que, con este obxectivo, o seu departamento está a abordar o proceso de reordenación urbanística do Parque do Observatorio. 'A nosa pretensión é mellorar a ordenación existente, xa que o que se fixo até este momento por parte dos anteriores Gobernos non foi suficiente', dixo, á vez que recordou a recente sentenza do Tribunal Supremo que determinou que o solo no que se levantaba o antigo convento das Adoratrices debe ter consideración de solo urbano consolidado. 'Á vez que é necesario adaptar o PXOM a esa sentenza, que deriva de accións desafortunadas levadas a cabo no pasado neste Concello, queremos revisar a ordenación de todo o polígono, de cara a intentar mellorala, e que sexa máis acorde cos intereses e demandas da veciñanza', comentou o edil.

Con ese obxectivo, Rexeneración Urbana conta cun proxecto de reordenación do polígono que atende esencialmente a tres criterios. 'O primeiro, obviamente, é concibir esa zona da cidade e esa reordenación dende o concepto do espazo público. É necesario, e insistimos en que así o pide a cidadanía da zona, dotar o Agra dese espazo público do que neste momento carece', destaca o responsable municipal. A segunda pata do proxecto municipal pasa por 'mallar ese novo espazo, que xurdirá da reordenación co resto da trama do barrio'. 'A intención é que ese espazo público que proxectamos sexa unha sorte de desafogo. A rúa Barcelona é un punto clave dentro de todo este proceso; unha rúa especialmente transitada e populosa que podería, desta forma, desembocar nun espazo público de calidade', engade o edil, que destaca que o terceiro criterio a ter en conta baséase 'na protección das preexistencias'. 'Á hora de pensar a cidade, este Goberno local ten en conta o seu patrimonio histórico, de todos e de todas, por iso, nesta reordenación pretendemos poñer en valor os restos do pasado, da cidade que foi e que é recordada por moitos e moitas das nosas veciñas', comenta.

Neste proceso de protección e posta en valor, Rexeneración Urbana destaca a existencia de tres espazos de forte valor, tanto histórico como simbólico na zona, como é a Viaxe de Visma, acueducto histórico do que 'existen trazas ao longo de todo o entorno', así como o propio parque e edificio do Observatorio coas súas escalinatas, e o denominado Camiño do Pinar. 'Trátase dun rueiro tradicional que quedou fagocitado nos tempos de expansión da edificación urbanística durante as décadas dos sesenta e setenta. Para nós, lonxe de ser unha molestia, é un espazo de oportunidade, que representa un tipo de urbanismo distinto, e un tipo de cidade distinta', di Varela. 'Con todo este proceso, o que intentamos é facer unha proposta para este espazo que o adapte á situación actual, pero destacando as súas posibilidades, por exemplo como zona de viario peonil', subliña.

O departamento de Rexeneración Urbana está xa inmerso nun proceso de presentación e conversa sobre este proxecto de reordenación con todas as partes implicadas no mesmo, xa que a intención do Goberno local é 'que a modificación resultante do PXOM que vaia a Pleno parta dun acordo de consenso con todos os actores implicados'. 'Neste momento estamos en conversas con todas as partes: veciñanza e propietarios, tanto particulares como institucionais', explicou, en referencia a que unha parte do solo da zona do Observatorio é propiedade da AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. 'Este Goberno local ten que servir á cidadanía e por iso abordamos todo este proceso, que parte dunha reivindicación histórica que é a de que a zona conte cun parque coa menor edificabilidade posible, por iso cómpre abrir un período para negociar as condicións de edificabilidade', explicou.