Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2017 | News release | Distributed by Public on 11/30/2017 11:56

O Concello rematará de forma inminente as obras de renovación e pavimentación da rúa Xoán XXIII, primeira fase do plan para a dinamización da contorna de San Agustín

O Concello da Coruña rematará nos próximos días a obra de pavimentación que acomete na rúa Xoán XXIII e que constitúe a primeira fase do ambicioso plan posto en marcha polo goberno local para a dinamización e revitalización do entorno do mercado de San Agustín. O alcalde, Xulio Ferreiro, visitou a obra esta semana, acompañado do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, quen destacou o inicio inminente das últimas actuacións de formigonado.

A actuación, que foi adxudicada por un prezo de 67.760 euros, supuxo a renovación das beirarrúas desta vía, que pasaron a ser de pedra, dando continuidade á contorna da igrexa de San Jorge. A intervención tamén serviu para igualar a altura do firme co das beirarrúas na intersección con Pío XII, no lateral do mercado municipal, de cara a mellorar a accesibilidade no cruce, a visibilidade da rúa e facer a zona máis transitable, formando unha explanada de preferencia peonil na principal confluencia do fluxo de persoas que empregan o mercado. As melloras implementadas inclúen, ademais, un estreitamento da calzada no cruzamento con Marqués de San Martín, aliñado coa escalinata da rúa Coral El Eco. 'Esta obra ten un especial significado para nós, xa que estamos a falar dunha reurbanización que supón a posta en valor do casco histórico da Coruña e que, á vez, dá inicio ao conxunto de medidas e renovación do espazo público na contorna do mercado municipal de San Agustín', comentou o concelleiro Varela, que destacou 'a mellora que experimentará o tránsito peonil na zona'.

A actuación constitúe a primeira fase dun plan cuxa seguinte actuación será a construción dunha plataforma única que conectará a fronte principal do mercado de San Agustín coa Praza dos Ovos, cunha solución análoga á que se está a executar na intersección de Xoán XXIII con Pío XII. A intención do executivo, xa a medio prazo, é poder conectar esta zona con Panadeiras a través dun inmoble propiedade do Arzobispado situado no número 19. Con ese obxectivo, o goberno local xa levou a Pleno e aprobou un modificativo de crédito que lle permite ter consignados os fondos suficientes para abordar a compra ou expropiación deste inmoble, de cara a posibilitar a apertura dunha conexión peonil que facilita o acceso á contorna do mercado, ás paradas de transporte público e a máis prazas de aparcamento. Varela recordou que 'se trata dunha actuación decisiva para revitalizar non só un equipamento tan básico e necesario como é o mercado, senón toda a contorna da zona'. 'Isto permitirá, tamén, ter conexión co aparcadoiro do Papagaio para que tamén a veciñanza e persoas usuarias desta zona poidan facer uso del', sinalou o responsable municipal, quen recorda que a posibilidade desta conexión está recollida no Pepri, e quen indica que o Concello xa iniciou as conversas co Arzobispado de cara a poder facerse co edificio.