Ayuntamiento de A Coruña

10/05/2017 | News release | Distributed by Public on 10/05/2017 10:26

O Concello proxecta no edificio do Remanso “un equipamento flexible e con espazos polivalentes, que poida responder á demanda cidadá de infraestruturas sociais abertas a toda a[...]

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a titular de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron este xoves o proxecto para o edificio do Remanso, na praza de José Toubes, unha infraestrutura que, como indicou a concelleira, 'trata de responder ás demandas detectadas, tanto no barrio como en toda a cidade, sobre a necesidade de infraestruturas sociais abertas a toda a veciñanza, que funcionen do xeito sinxelo e áxil, neste caso, nun espazo singular que se presta á relación coa súa contorna, nun enclave central da cidade'. 'Propoñemos un espazo flexible, con espazos polivalentes, que interpela ao conxunto da veciñanza da cidade, un espazo que non será de ninguén en concreto, senón que será de toda a cidadanía', salientou Delso, quen indicou que o novo equipamento poderá ser usado, tanto por persoas individuais como por colectivos informais e entidades sen ánimo de lucro, e dar cabida tanto á actividades puntuais, como de tipo regular.

A proposta recolle unha superficie construída de 383 m2 e 283 m2 de superficie útil, para o que se prevé un orzamento de 350.000 euros. Como adiantou o responsable de Rexeneración Urbana, o proxecto técnico está a piques de rematarse, unha vez que o Concello tramitou, en paralelo, os necesarios cambios de planeamento para axustalo á normativa urbanística e poder executalo -algo que, como recordou Varela, non ocorría co proxecto da corporación precedente -, e a previsión é que a obra poida comezar a mediados do ano que vén. O edificio distribúese en dous andares, que compoñen dúas salas de forma regular duns 80 metros2 cada unha, con entradas independentes desde o exterior e vestíbulos de 20 m2 máis adosados cada unha delas, que poden funcionar como ampliación da mesma, ademais de cunha estancia de servizo, para acopio de mobiliario e outros servizos. Ambas contan con baños, accesos mediante ascensor e escaleiras e, como subliñou Varela, están deseñadas para ser 'o máis polivalente posible, de xeito que poidan funcionar de maneira independente ao mesmo tempo'. Para iso, contan tamén con illamento acústico, que permite a actividade simultánea. Como apuntou durante a presentación a concelleira de Participación, outra das características interiores é que o chan de ambas estancias será de linóleo, 'unha singularidade respecto a outros equipamentos municipais, que permite actividades físicas, vinculadas ao corpo, ou de ensaio de compañías ou artistas, entre outras'.

En canto ao exterior, Varela destacou o feito de que o equipamento se atopa na zona de afección do Camiño de Santiago, 'o que require que o edificio teña o menor impacto visual posible sobre a praza e deba manter a relación entre o parque e a praza, como así se recolle na proposta'. A este respecto, o proxecto elimina a cuberta actual a dúas augas, 'un elemento que nos parece discordante', e mantén a pérgola de formigón existente na zona da praza, que se sanea e se dota, nunha zona, dunha cuberta de vidro. Tamén se reconfigura e acondiciona a parada de buses, e se fai accesible este espazo baixo a pérgola, mediante a substitución das escaleiras da parte máis próxima á fonte de Catro Camiños por ramplas. 'Parecíanos moi importante a característica deste enclave, que, pola súa localización, funciona como un nodo de transporte e tamén cidadán, e o impacto que pode ter, incluso a nivel metropolitano', incidiu Varela, quen aludiu tamén a que o proxecto trata de respectar a infraestrutura existente, para axustar os custos 'moi inferiores ao do proxecto da anterior corporación, que superaban o millón de euros, e mantendo unha funcionalidade semellante, o que nos permite un reparto do investimento noutros puntos da cidade, facéndoo máis equitativo'.

O concelleiro de Rexeneración Urbana quixo destacar, ademais, a relación do edificio co parque exterior, que se potencia ao retirar o cemento que rodea a infraestrutura, de xeito que a zona verde chega ata a entrada mesma da sala superior, que ademais é acristalada, mentres que a estancia do soto é máis pechada, para poder albergar actividades como proxeccións.