Universidade de Santiago de Compostela

04/11/2017 | News release | Distributed by Public on 04/11/2017 07:16

O profesor emérito da USC Alberto Arce Arce, condecorado coa Encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio

[Attachment]
De esquerda a dereita, Fernando Benzo, Íñigo Méndez, Alberto Arce, Manuel López-Cogolludo e José Canal

O ministro de Educación, Cultura e Deporte acaba de impoñerlle ao catedrático xubilado da USC Alberto Arce Arce a Encomenda da Orde Civil de Alfonso X o Sabio polas súas cinco décadas de dedicación ao eido académico, investigador e de xestión universitarias. O profesor Arce é 'unha referencia no eido da Enxeñaría Química en España', segundo recolle o comunicado do Ministerio. A imposición realizouse no Auditorio Nacional en Madrid nunha sesión que presidiu o ministro Íñigo Méndez e Vigo e á que tamén asistiron o subsecretario de Educación, Cultura e Deporte, José Canal Muñoz; o secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo Sainz; e o director do Gabinete do Secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, José Manuel López-Cogolludo.

Na Universidade de Santiago Alberto Arce impartiu máis de 20 materias diferentes en áreas de Química Industrial e Enxeñaría Química, dirixiu 25 teses de doutoramento e máis de 60 proxectos fin de carreira e traballos de fin de grao e tivo un papel moi activo nas comisiones de implantación na USC da especialidade de Química Industrial dentro da Sección de Química, a titulación de Enxeñaría Química, o grao de Enxeñaría Química e o Máster de Enxeñaría Química e Bioprocesos.

Alberto Arce
O profesor Arce defendeu en 1970 a súa tese doutoral baixo a dirección do profesor Gabriel Tojo e na actualidade é profesor emérito na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. En 1976 crea o seu propio grupo de investigación, Procesos de Separación e Equilibrio entre Fases, do que aínda é coordinador. Ao longo da súa traxectoria académica participou en 12 proxectos de investigación autonómicos, 9 estatais e 3 europeos. Cun factor h de 37, posúe 185 publicacións indexadas na ISI Web of Knowledge e máis de 4.000 citacións.

É pioneiro en España na investigación con líquidos iónicos na área de enxeñaría química e autor dunha patente internacional, aprobada con exame, para a síntese de nanopartículas con líquidos iónicos. A súa capacidade de formación de investigadores colocou os seus doutorandos en recoñecidos postos de investigación en todo o mundo (Bayer, CEPSA, Dow Chemical, Inditex…). O seu gran prestixio internacional levouno a ser nomeado representante español do Working Party on Thermodynamics and Transport Properties da Federación Europea de Enxeñaría Química.