Results

Ayuntamiento de A Coruña

12/01/2018 | News release | Distributed by Public on 12/01/2018 07:47

Os centros cívicos municipais ofrecerán talleres e actividades para todos os públicos durante o mes de Nadal

A Concellería de Xustiza Social e Coidados propón, para o mes de decembro, unha ampla programación de actividades socioculturais para todos os públicos nos centros cívicos municipais. Ademais dos campamentos urbanos infantís, cuxo prazo de preinscrición se abrirá o vindeiro luns 3, propón para este mes diversos talleres e iniciativas co obxectivo de poñer a disposición da cidadanía unha oferta de lecer alternativa e de convivencia, para todas as idades, nos equipamentos públicos.

A primeira das propostas chegará o 11 de decembro, coa celebración do tradicional encontro de panxoliñas Música no Nadal. Con esta serán vinte as edicións dun recital no que participan tanto as corais dos centros cívicos como doutras entidades da cidade. Nesta ocasión, que terá lugar no centro Ágora e comezará contra ás 18.30 horas, participarán a Coral Polifónica Breogán, Coral Airiños de San Fernando - CCM de Feáns, Coral do CCM do Castrillón, Coral Pensionistas da Casa do Mar, Coral Arumes do CCM de Monte Alto, Coral Canciones de nuestra vida. Espazo +60 A Coruña, Coral Cantores do CCM de San Diego, Coral Allegro ma non troppo do CCM de Monelos, Coral do Club do Mar de San Amaro e a Coral Saraiba do CCM dos Mallos. A entrada será gratuíta e poderase acceder ao auditorio mediante convite, que se poderá recoller o propio martes 11 no centro Ágora, entre as 16.00 e as 18.00 horas.

A partires do día 15 comezarán os talleres de Nadal, tanto para o sector da infancia --de estampación, dirixidos a nenas e nenos de entre os 4 e os 12 anos-- como para a veciñanza maior de 16 anos. Neste caso ofreceranse diversos cursos de cociña. A información detallada cos requisitos de cada taller, coas datas e horarios de celebración, poderase consultar, a partir da semana que vén, en calquera dos centros cívicos, na web www.coruna.gal/servizossociais ou no teléfono gratuíto de atención cidadá 010.

Por último, entre os días 27 de decembro e 4 de xaneiro, celebraranse as Festas de Reis nos centros cívicos municipais, nas que as nenas e nenos que asistan deberán estar acompañados dunha persoa adulta, que permanecerá coa ou co menor mentres estea na evento.

As festas celebraranse os seguintes días:

- 27 de decembro: Labañou, San Diego e A Silva

- 28 de decembro: Feáns e Artesanos

- 29 de decembro: Os Mallos e San Pedro de Visma

- 2 de xaneiro: Monelos, Eirís e Pescadores

- 3 de xaneiro: Palavea, Monte Alto, Elviña e Castrillón

- 4 de xaneiro: Rosales, Cidade Vella, Novoboandanza e Mesoiro