Ayuntamiento de A Coruña

11/09/2017 | News release | Distributed by Public on 11/09/2017 11:01

Cameán anuncia a nova convocatoria ‘Junior Year’ e destaca que “con este goberno, o programa municipal de estudo no estranxeiro pasou de ter criterios elitistas a ser[...]

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou este xoves a nova convocatoria do programa de inmersión lingüística no estranxeiro Junior Year, que ofrece a rapaces e rapazas da Coruña a oportunidade de cursar en Estados Unidos o grao 11, equivalente a 1º de Bacharelato, ao fin de adquirir un dominio total noutro idioma, así como o coñecemento real dunha cultural diferente. A responsable municipal anunciou que os e as estudantes que desexen optar a participar deste programa durante o curso 2018-2019 poderán inscribirse a través da web municipal de educación (www.edu.coruna.es) dende o 27 de novembro e até o 11 de decembro deste ano. A edil salientou o feito de que Junior Year é 'claro exemplo de que os programas municipais de coñecemento lingüístico no estranxeiro pasaron de estar marcados por criterios elitistas a ser realmente inclusivos'. 'Anteriormente, co programa Bolsas USA, o criterio académico académico era o que primaba sobre o resto, mentres que o actual goberno local introduciu criterios de renda, así como numerosas facilidades para que todas as familias, independentemente da súa situación, poidan enviar aos e ás súas fillas a realizar este curso no estranxeiro', comentou.

Así, a titular de Xustiza Social manifestou que 'o anterior goberno dedicaba ao programa Bolsas USA un orzamento de 300.000 euros, mentres que o executivo municipal dedica agora 600.000'. 'O número de prazas tamén se incrementou, dende as 45 ás 60 e, unha das cousas das que estamos máis orgullosas, conseguimos que existan moitos e moitas alumnas con dificultades económicas que poden viaxar a custe cero', comentou, en relación a que 'con Bolsas USA se adxudicaron 9 becas totais, mentres que na última convocatoria de Junior Year estamos a falar de que 34 persoas se desprazaron sen ter que facer ningún desembolso durante a súa estadía'.

Ademais de ofertar 60 prazas para o estudo no estranxeiro, o programa Junior Year inclúe servizos tales como a viaxe de ida e volta até a poboación de destino, a estadía en EEUU durante o período correspondente a un curso académico vivindo cunha familia estadounidense, a escolarización nun centro educativo público norteamericano, seguimento persoal especializado, certificado oficial acreditativo do nivel acadado de inglés, servizo de acompañamento nos voos de ida de volta, realización dun curso intensivo de inglés durante o mes de xullo e a introdución de 'diñeiro de peto', unha axuda de 100 euros ao mes. Trátase esta última dunha novidade posta en marcha polo goberno local 'que axudou a moitas familias que anteriormente renunciaban ao programa por non ter capacidade económica suficiente'.

'Para este goberno é imprescindible que o ensino cumpra unha función de compensación das desigualdades', destacou a concelleira que Cameán, que puxo de relevo a aplicación destes principios aos criterios de selección dos e das participantes. En concreto, na baremación das persoas solicitantes, a situación familiar (renda per cápita) poderá dar até 10 puntos, mentres que non se asignará puntuación por riba dos 15.000 euros. 'Anteriormente só se asignaban 5 puntos atendendo a este criterio, e as rendas por encima dos 29.000 euros per cápita tamén puntuaban', destacou. O expediente académico pode outorgar á persoa demandante até 8 puntos, mentres que se darán 2 puntos ante unha situación de discapacidade por parte do ou da solicitante ou de familiares directos.

En base a esta baremación, as persoas que finalmente participen no programa Junior Year poden optar a dous tipos de bolsas de axudas: totais ou parciais. Das primeiras serán beneficiarias estudantes cunha unidade familiar non supere os 9.000 euros per cápita. Todas as persoas seleccionadas que cumpran con este requisito viaxarán a custe cero. Por outro lado, tamén se entregarán bolsas parciais, para as persoas cuxa renda per cápita supere os 9.000 euros. As familias das beneficiarias desta modalidade de axuda terán que facer unha achega variable en función da súa renda.

Os requisitos para poder optar ao programa Junior Year inclúen estar empadroado e residir na cidade da Coruña, estar matriculando e cursando 4º de ESO e ter obtido no curso anterior unha cualificación media de 6,5 puntos ou máis sen ter materias suspensas, e cualificación de 7 puntos en inglés.

Persoas en situación de rúa

Por outro lado, e preguntada en rolda de prensa, a concelleira Cameán amosou a súa satisfacción por que, segundo os datos municipais, o número de persoas en situación de rúa descendeu na cidade dende que se puxo en funcionamento o Centro Abeiro de Baixa Esixencia. 'Non obstante, o noso obxectivo segue inalterable: temos que conseguir que nesta cidade non haxa persoas que durman sen un teito', indicou, manifestando que os datos que barallan falan dunha media de 15 persoas, 'que pode aumentar ou descender, tendo en conta que moitas persoas sen vivenda teñen unha mobilidade bastante alta'.

A concelleira de Xustiza Social recordou que ao poñerse en funcionamento o Centro Abeiro o orzamento destinado a paliar o senfogarismo aumentou case un 100%, mentres que tamén se incrementou a achega municipal ao convenio coa entidade social ACCEM para poder desenvolver o chamado 'Dispositivo de Frío'. 'Desta forma o que logramos é reforzar a atención en rúa, estar máis horas e máis días a semana, e poder informar ás persoas nesta situación das alternativas coas que contan', dixo a responsable municipal, que anunciou que, en breve, activaranse novas medidas para atender ás persoas sen teito.