Results

Ayuntamiento de A Coruña

07/04/2018 | News release | Distributed by Public on 07/04/2018 10:21

O goberno local solicita ao conselleiro de Sanidade que “adopte, de forma urxente, as medidas necesarias para paliar o deterioro no servizo sanitario durante a época estival”

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, vén de enviar unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, na que lle solicita que, con carácter urxente, adopte as medidas necesarias para 'paliar, coa máxima celeridade, o importante deterioro da calidade do servizo sanitario'. En concreto, a responsable municipal trasladou ao cargo autonómico a preocupación do goberno municipal ante as queixas que está suscitando entre a veciñanza da cidade distintas medidas que 'están a ser aplicadas, de forma reiterada, durante a época estival' na sanidade pública. En concreto, a edil fixo fincapé no peche de camas hospitalarias e na redución de profesionais especialista no servizo de Pediatría en diversos centros de saúda da cidade, 'o que implica un grave prexuízo para moitas persoas que se ven obrigadas a desprazarse cara a outros centros médicos'.

'Ademais das propostas da cidadanía, temos coñecemento, a través dos propios medios de comunicación, de que a Comisión de Centro de Atención Especializada da EOXI da Coruña está a denunciar o peche de camas previsto este verán no CHUAC', reza a carta enviada ao responsable de Sanidade.

'Toda medida que conduza á desprotección da saúde debe ser contestada esixindo a inmediata restauración da normalidade, por tratarse dun servizo público esencial. Non podemos tolerar cousas como as que se están denunciando, persoas enfermas que, ante a falta de camas nas diversas unidades de hospitalización, permanecen durante horas no servizo de Urxencias', indica Cameán.