Ayuntamiento de A Coruña

08/01/2018 | News release | Distributed by Public on 08/01/2018 05:30

O servizo de socorrismo atendeu 268 incidencias dende o comezo da tempada de praias, un 9% menos que no mesmo período do pasado ano

As praias da cidade rexistraron un total de 268 incidencias dente o 15 de xuño, data de inicio da tempada de verán. A concelleira de Igualdade e Diversidade, que ten atribuídas as competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, indica que a maioría das atencións proporcionadas polo servizo de Socorrismo e Salvamento son de carácter leve e menos das rexistradas no mesmo período do pasado ano, cando se contaron 295, 'debido, probablemente, a que os días de sol foron menos en 2018'. Entre as incidencias máis graves, a edil salienta dous rescates realizados polo servizo de socorrismo, 'que se produciron onte nas praias de Orzán e Matadoiro, nas que ondeaba a bandeira vermella'. Ao fío, Fraga solicitou á cidadanía que estea atenta ás indicacións que se colocan nos areais e que respecte as prohibicións de baño, 'que non teñen outro obxectivo que o de garantir a seguridade da poboación cando as condicións do mar non son as adecuadas'.

O areal da cidade no que se contabilizaron máis incidencias neste mes e medio de tempada foi Riazor, con 95, seguido de Oza, con 60, San Amaro, con 52, Orzán, praia na que se rexistraron 49 intervencións, e As Lapas, con 12. Por tipoloxía, as máis numerosas foron as atencións por cortes (77), a maioría deles producidos nas praias de Oza (23) e San Amaro (22) 'nas zonas de rochas, nas que hai que ter especial coidado porque son moi esvaradías'. Destacan tamén as abrasións non solares, que suman 60 --e que se concentraron entre Riazor (25) e San Amaro (18)--, os traumatismos (22) e as picaduras de escarapote (22). 'A maioría delas, ata 15, aconteceron na praia do Orzán, polo que recomendamos calzar chanclas nos paseos que se fagan pola beira do mar, especialmente cando está a marea baixa', indicou a concelleira. Ademais, contabilizáronse nove picaduras por insectos e tres queimaduras solares.

Altas temperaturas

O departamento de Seguridade Cidadá lembra que, ante o episodio de altas temperaturas prognosticado para os próximos días, é preciso seguir unha serie de precaucións. Así, dende o Concello recoméndase non expoñerse ao sol nas horas centrais do día sen a debida protección e en especial as persoas maiores, con diversidades e nenos e nenas pequenas, así como mulleres embarazadas. As persoas con enfermidades crónicas, como hipertensión ou diabetes, tamén deben tomar as máximas precaucións. Ademais, é aconsellable beber auga con frecuencia, reducir as actividades físicas durante as horas centrais do día e acudir ao centro médico ou posto de salvamento cando se comecen a notar cambras, malestar, dor de cabeza, náuseas ou vómitos.