Ayuntamiento de A Coruña

09/05/2017 | News release | Distributed by Public on 09/05/2017 06:40

A Fundación Emalcsa asina con Gadisa un convenio para a promoción até 2018 do programa municipal de fomento da inclusión a través do deporte

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou hoxe un convenio co presidente e conselleiro delegado do grupo empresarial Gadisa, Roberto Tojeiro, en calidade de presidente do padroado da Fundación Emalcsa. Mediante o acordo, a firma coruñesa colaborará co Concello no impulso e desenvolvemento do programa Deporte Solidario e Inclusivo, que procura a igualdade e inclusión social a través da práctica deportiva. Gadisa Retail SLU comprometéuse, mediante o convenio asinado, a colaborar con citado programa, ao menos, durante os anos 2017, 2018 e 2019, formalizando, en primeiro lugar, as actuacións que desenvolverá durante este exercicio e o seguinte, e que se traducirán en dúas aportacións económicas que suman, en total, 17.000 euros (a primeira, de 7.000 euros, a entregar nos quince primeiros días desde a firma do convenio, e a segunda, de 10.000 euros, antes do 31 de xaneiro de 2018).

O alcalde coruñés destacou, nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que o programa Deporte Solidario e Inclusivo busca 'non só a integración mediante o deporte, senón tamén a difusión dos valores asociados á práctica deportiva'. Así, manifestou o agradecemento a Gadisa e ao resto de entidades que colaboran, xa sexa con aportacións económicas ou co desenvolvemento de programas de actividades deportivas e sociais, e indicou a vontade do goberno coruñés 'de manter durante os anos que sexa posible un programa que está resultando un éxito, en tanto que contribúe a facer desta unha cidade mellor'. 'A nosa intención, e así se recolle no convenio que hoxe asinamos, é a de seguir afondando no desenvolvemento deste programa. De novo, tanto este exercicio, como os seguintes, queremos volver a realizar as convocatorias de subvención que posibilitarán que entidades deportivas da cidade poidan poñer en marcha actuacións baseadas na inclusión e a igualdade', salientou o rexedor, que indicou que a intención do Concello é destinar, como mínimo anual, a través da Fundación Emalcsa, 250.000 euros. 'Outra das nosas pretensións é a de levar a cabo cada ano o Festival Deporte Solidario co obxecto de presentar as mellores prácticas e contribuír á difusión dos obxectivos do programa', comentou o mandatario local.

A última convocatoria de Deporte Solidario serviu para que financiar 26 proxectos sociais distintos que se le levaron a cabo entre decembro do pasado ano e este agosto e que abarcaron más de 20 disciplinas deportivas distintas, como baloncesto, tenis, pádel, rugby, hockey, taekwondo, fútbol sala, vela, piragüismo ou natación. Estímase que, en total, beneficiáronse máis de 9.000 persoas.