Universidade de Santiago de Compostela

04/10/2017 | News release | Distributed by Public on 04/10/2017 05:50

Unha investigadora da USC describe por vez primeira doce novas especies de moluscos de augas abisais INVESTIGACIÓN

A contribución ao coñecemento da biodiversidade dos fondos abisais é dunha importancia capital, pois a pesar de que as partes máis profundas dos océanos se estenden polo 90 por cento de toda a superficie terrestre ocupada polo mar, tan só se explorou un 5% con instrumental remoto e a porcentaxe de mostrexo e estudada con detalle é inferior ao 0.01 %.

Agora, un novo traballo da USC súmase aos estudos desa parte descoñecida do noso planeta. A investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC María del Carmen Cobo Llovo estudou na súa tese doutoral a biodiversidade e distribución zooxeográfica de moluscos solenogastros, con características moi primitivas e especialmente interesantes desde o punto de vista evolutivo.

O traballo ofrece resultados especialmente relevantes, xa que nel se describen por primeira vez para a ciencia doce novas especies cuxa morfoloxía e distribución foron analizadas pormenorizadamente. Os descubrimentos son o resultado de cinco anos de reconstrución anatómica e estudo zooxeográfico de material procedente das expedicións oceanográficas do buque alemán Meteor nas cuncas abisais de Angola, Guinea, El Cabo, Brasil e Arxentina e é unha cesión da Sociedad Senckenberg para a investigación da Natureza (Frankfurt, Alemaña), fundada en 1817 por Johann Wolfgang von Goethe.

A tese 'Distribución anfiatlántica y diversidad del orden Pholidoskepia (Moluscos, Solenogastros) en los fondos del Atlántico Sur (Cuencas Abisales de Angola, Guinea, El Cabo y Brasil)' obtivo a cualificación de sobresaliente Cum Laude e foi dirixida polo profesor José Carlos Otero González.


Outras imaxes