Ayuntamiento de A Coruña

01/05/2018 | News release | Distributed by Public on 01/05/2018 04:59

O Programa de Lecer do Fórum Metropolitano e do Ágora ofrecerá 3.555 prazas para 113 obradoiros

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá a semana que vén o prazo de preinscrición para participar no Programa de Lecer de Primavera do Centro Ágora e do Fórum Metropolitano, que terá lugar entre os meses de xaneiro e maio do presente exercicio. A partires do vindeiro día 29, comezarán 113 obradoiros de temática variada, dirixidos a distintas franxas de idade, e que abranguen aspectos como cine, cociña, artes plásticas, historia, música, literatura, ilustración, astronomía, arquitectura, teatro ou fotografía, entre outros, co obxectivo de impulsar a formación entre a veciñanza con accións que empreguen a cidade e os recursos que esta ofrece, á vez que se promove a convivencia e a sociabilidade das persoas participantes.

En total, ofreceranse 3.555 prazas para cursos nos que a veciñanza se poderá achegar á historia oculta da Coruña ou a súa relación co mar, á música tradicional, á escritura creativa e literatura actual. Outras propostas que se impartirán serán as relacionadas coa interpretación, o papel da muller na gran pantalla ou os grandes clásicos do cinema. Tamén haberá espazo para actividades de creatividade manual, de mindfulness ou específicas tanto para nenas e nenos menores de 12 anos, como para persoas maiores de 70 anos. Ademais, no caso do Ágora, o centro acollerá 10 iniciativas diferentes vinculadas á cociña, así como obradoiros de actividade física e danza.

O prazo de preinscrición na programación sociocultural comezará a vindeira semana, e terán prioridade todas aquelas persoas que asistiron, como mínimo, ao 50% das sesións do Programa de Lecer de Outono. Así, a inscrición de continuidade poderase realizar do día 8 ao 10 de xaneiro nas conserxarías tanto do Fórum coma do Ágora, no horario de atención ao público, de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Para formalizarla, será necesario aboar, en efectivo, o importe do obradoiro correspondente, 30 euros, agás no caso das persoas maiores de 65 anos, cuxa cota é de 21 euros.

Os días 11 e 12 de xaneiro terá lugar o período de novas preinscricións no Programa de Lecer. Poderase realizar na conserxaría dos centros, no horario de atención ao público, ou ben por vía telemática --entre as 09.00 horas do día 11 e as 20.00 horas do día 12--, a través da páxina web municipal www.coruna.gal/cultura. A Concellería lembra que cómpre escoller, unicamente, unha das dúas opcións --xa que, en caso de atopar preinscricións duplicadas, estas anularanse--, e que todas as solicitudes telemáticas enviadas fóra do horario sinalado non serán tramitadas.

Á hora de realizar a preinscrición de forma presencial, adxudicarase directamente un número para o sorteo. No caso da inscrición telemática, este adxudicarase ao remate de cada unha das franxas horarias presenciais. Neste caso, o número non se enviará por correo electrónico, senón que se publicará o día 15 de xaneiro, ás 09.00 horas, xunto á lista de preinscricións telemáticas -- co seu número de sorteo ordenado por DNI--. A este respecto, a Concellería convida á veciñanza a realizar unha copia dixital da inscrición no momento da realización da preinscrición telemática para que, no caso de que se produza algún erro durante o proceso, se poida emendar. As persoas interesadas en participar no Programa de Lecer poderán solicitar a preinscrición até en catro obradoiros, e deberán ter en conta que, á hora da adxudicación, respectarase a orde de preferencia fixada pola persoa solicitante, e que esta non se poderá modificar despois do sorteo, que se realizará o luns 15 de xaneiro, ás 10.00 horas, nas conserxarías do Ágora e do Fórum. A partir do número extraído no mesmo, asignaranse as prazas en cada obradoiro, e outorgaráselle ao maior número de persoas posible, cando menos, un taller. A lista de adxudicacións publicarase o mércores 17 de xaneiro, a partir das 09.00 horas, tanton os centros, como na web municipal e no servizo telefónico 010.

Formalización da inscrición

A inscrición poderase formalizar os días 17 e 18 nas conserxarías dos dous equipamentos municipais no horario de atención ao público, e será necesario pagar en efectivo o importe do obradoiro correspondente. A Concellería lembra que as prazas adxudicadas só poderán ser ocupadas polas persoas agraciadas no sorteo.

No caso das persoas que se atopen na lista de agarda, estas terán preferencia á hora de obter as prazas que non se formalizaran, que serán adxudicadas pola orde do sorteo. Ademais, terán preferencia aquelas persoas que non obtiveran, previamente, ningunha praza. A Concellería contactará o día 22 de xaneiro coas solicitantes que, no caso de estar interesadas, deberán formalizar a inscrición o día 23. Realizarase unha segunda rolda de contactos a partires do día 24 e, no momento que remate o proceso, as prazas vacantes ofreceranse ao público en xeral, que se deberán inscribir nas conserxarías dos centros durante o horario de atención ao público.