Ayuntamiento de A Coruña

03/18/2017 | News release | Distributed by Public on 03/18/2017 12:40

O Goberno local saca a licitación a instalación dos postos de venda ambulante nas praias e xardíns de cara a tempada de verán

A Concellería de Mobilidade Sostible publicará nas próximas datas a convocatoria para autorizar a instalación de postos de venda ambulante en espazos de uso público municipal nas inmediacións das praias e nos parques da cidade de cara a tempada de verán. A oferta, que se publicará no Perfil do Contratante, abre a posibilidade de optar aos 16 postos de venda de xeados, froitas ou refrescos que poderán ocupar as localizacións determinadas pola área que dirixe Daniel Díaz Grandío desde o xoves 13 de abril até o 30 de setembro. As instalacións móbiles, que estarán abertas ao público en horario de 11.00 ata as 20.00 horas, poderán ofrecer xeados e froitas envasadas, no caso daqueles que se atopen situados no Paseo Marítimo, mentres que os que se sitúen outras zonas da cidade, como parques e xardíns, terán a opción de vender refrescos e lambetadas.

En total, serán seis postos os que se sitúen nas inmediacións das Praias e no paseo Marítimo, sendo estes á altura da estrada da circunvalación --fronte ao cárcere--, nas proximidades á entrada do Aquarium Finisterrae, fronte á praza das Lagoas, na Fonte dos Surfistas, na coraza da Enseada do Orzán e ao carón da rotonda das Escravas. A venda poderá exercerse en carriños con rodas pero sen motor, e as dimensións máximas do caixón serán de 2x1,5x1,5 metros, sen incluír estas a bicicleta --que pode ser eléctrica-- ou soporte correspondente. Admitiranse, neste caso, elementos auxiliares como toldos ou antucas integradas na estrutura do caixón.

A convocatoria tamén se refire á instalación de catro postos de venda de xeados en vehículos motorizados --vehículos tenda, camións ou remolques--, que se situarán na zona de estacionamento situadas ao carón das seguintes localizacións: Pavillón de Deportes de Riazor, Aquarium Finisterrae, Torre de Hércules e Praia de San Amaro.

Finalmente, a venda de xeados, refrescos e lambetadas poderá facerse en seis postos que se localizarán nos parques de Santa Margarita, Vioño, Europa, San Diego, Oza e Monte de San Pedro. As instalacións móbiles que se sitúen nestas zonas verdes poderán ser tanto carriños sen motor como camións, remolques ou vehículos tenda. En todos os casos, sen distinción da súa localización --inmediacións das praias ou xardíns-- deberán retirarse da vía pública ao finalizar a xornada, a partir das 20.00 horas.

Entre os requirimentos que deberán cumprir as estruturas estarán os hixiénico-sanitarios, referidos á limpeza e conservación do produto, así como os coidados da contorna, dispoñendo a adxudicataria dos medios necesarios para minimizar a xeración de residuos e evitar o deterioro da vexetación. Os criterios de valoración terán presente a oferta económica, e o prezo de saída mínimo para a instalación será de 250 euros. Cada persoa solicitante só poder presentar unha proposición para cada posto segundo a súa situación, de forma que, unha vez se resolva a convocatoria, só estará autorizado un único punto de venda por solicitante e localización.