Ayuntamiento de A Coruña

08/04/2018 | News release | Distributed by Public on 08/04/2018 07:37

Xustiza Social organiza, a partires do 16 de setembro, a nova tempada de bailes para maiores nos centros cívicos da cidade

Os bailes para maiores dos centros cívicos regresarán no mes de setembro. A Concellería de Xustiza Social e Coidados vén de dar a coñecer a data de inicio deste programa, dirixido á cidadanía de maior idade, 'co obxectivo de favorecer o seu benestar social e físico', segundo apunta a edil Silvia Cameán. 'Estes bailes ordinarios fomentan a participación activa das nosas veciñas e veciños, que teñen no centro cívico do seu barrio un espazo de referencia para o encontro e o lecer en común', explica a concelleira, quen lembra durante a anterior tempada tiveron lugar 198 bailes nos centros cívicos e que contaron cun total de 30.477 participantes.

A partires do 16 de setembro, data na que terá lugar o primeiro baile da tempada, o Concello retomará a iniciativa, que se desenvolverá todos os días da semana en sete centros cívicos municipais, entre as 17.00 e as 20.30 horas. Así, os luns será en Monelos e os martes en Labañou, mentres que os mércores variará o lugar da súa celebración. Os xoves o programa chegará ao Castrillón e Eirís --en semanas alternas, de xeito que haberá baile cada 15 días en cada un dos centros--, e o venres nos Mallos. Xa na fin de semana, os sábados será en San Diego, e os domingos en Monte Alto.

O Concello manterá os prezos para participar no programa, que será de 1,5 euros por baile ordinario. Ademais, a Concellería de Xustiza Social e Coidados reservará, como é habitual nos distintos proxectos da área, unha porcentaxe dos bailes para persoas en situación de vulnerabilidade social, cuxa participación será gratuíta.