Ayuntamiento de A Coruña

07/31/2018 | News release | Distributed by Public on 07/31/2018 06:49

O Concello conclúe as obras de urbanización do Parque Ofimático que permitirán dar as licenzas de primeira ocupación ás cooperativas que teñan xestionado o subministro[...]

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, supervisou esta mañá o remate das obras de urbanización do sector 10 do Parque Ofimático, que conclúen no día de hoxe en cumprimento da folla de ruta marcada no mes de abril. 'Os traballos municipais no sector estaban practicamente finalizados, a falta da desmontaxe das torretas do tendido eléctrico e, unha vez que a compañía eléctrica as retirou, puidemos abordar a reurbanización do terreo no que se asentaban. Estas actuacións finalizan hoxe, en tempo, polo o que Concello está en condicións de comezar a dar as licenzas de primeira ocupación en canto os e as cooperativistas teñan xestionado o subministro eléctrico', indicou Varela.

O concelleiro falou esta mañá cos representantes das cooperativas e de Unión Fenosa Distribución, aos que trasladou o cumprimento dos prazos nas obras de reurbanización da separata deste sector do Parque Ofimático. Esta última actuación, que tal e como lembra o edil é similar á que xa se realizou en todo o sector, consistiu na adecuación dos terreos nos que se levantaban as estruturas eléctricas, nos que se levaron a cabo obras de movemento de terras, instalación de canalizacións para os servizos, explanación e pavimentación, coa execución das beirarrúas e a calzada en formigón. 'O persoal está a rematar hoxe a calzada, que quedará lista esta tarde e dará condición de soar ás parcelas onde se atopan os edificios', apuntou Varela. O edil explicou que, de maneira paralela a estes traballos, 'xa se foi realizando a revisión da documentación das cooperativas para que foran realizando as subsanacións precisas das deficiencias detectadas nas edificacións e no espazo público, uns arranxos que tamén é preciso solucionar para poder conceder as licencias de primeira ocupación, co obxectivo de que a tramitación municipal estivera lista no momento do remate das obras'.

Os traballos de urbanización neste sector do barrio, que se iniciaron hai un ano, serviron para dotar o Ofimático de acceso rodado e dos servizos necesarios para facer posible o outorgamento das primeiras licenzas de primeira ocupación, como son a pavimentación dos accesos, a dotación de iluminación, o abastecemento, a rede eléctrica e o saneamento, así como outras intervencións de menor entidade relativas á seguridade de bens e persoas.