R Cable y Telecomunicaciones Galicia SA

05/25/2017 | News release | Distributed by Public on 05/25/2017 03:51

Nova edición do Galicia TIC

A Cidade da Cultura acolle unha nova edición do foro Galicia TIC onde se debaterán diferentes temas sobre a transformación dixital. Este foro está dirixido a emprendedores, empresas e profesionais de calquera sector, non é preciso pertencer ao sector TIC xa que os obxectivos principais destas xornadas son compartir, colaborar e aprender de todos os asistentes e relatores.

Dende o ano 2007 lévase celebrando o Galicia TIC, que comezou como un punto de encontro de profesionais e empresas do sector TIC galego.

26 e 27 de xuño

As xornadas celebraranse os días 26 e 27 de xuño no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura en horario de mañá e tarde. Ao longo destes dous días tamén haberá oco para tomar un café e xantar e seguir intercambiando opinións entre poñentes e público.

Os temas principais que se tratarán nesta edición xirarán arredor das novas tecnoloxías da información, que fomenten a axilidade e a integración de plataformas de colaboración para acadar o desenvolvemento dos perfís tecnolóxicos axeitados. A protección de datos e o emprendemento no ámbito das TIC son outras das temáticas que se abordarán neste evento.

Batalla de emprendedores e relatores

Ademais das conferencias e das mesas de debate, este ano súmanse as Start up Battles (batallas de emprendedores). Trátase dunha nova sección que fomenta o talento entre emprendedores, que competirán por crear un proxecto de start up.

Os relatores que interveñen este ano proceden de distintas empresas, públicas e privadas, como a AMTEGA, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, Ineo, Planetic, Emetel e R, entre outros. Podes consultar o programa máis detalladamente nesta ligazón http://www.galiciatic.om/programa2017.

Aínda que quedan varias semanas para a súa celebración é mellor que te vaias apuntando, non vaia ser que logo non haxa prazas. Na súa web podes darte de alta como usuario e inscribirte nas xornadas, e se non estás interesado en asistir a toda a programación, podes seleccionar os relatorios aos que che gustaría acudir.

Ata a próxima!

Imaxe de Alex Knight.