Ayuntamiento de A Coruña

04/07/2019 | News release | Distributed by Public on 04/07/2019 15:58

O Concello promove durante os meses de abril e maio un ciclo de concertos das seis corais dos centros cívicos municipais

A Concellería de Xustiza Social e Coidados organiza, nos meses de maio e abril, un ciclo de concertos abertos á cidadanía no que as corais municipais serán protagonistas. O son da primavera, que así se denomina a proposta de recitais, pretende achegar á veciñanza de distintos barrios o traballo que as persoas integrantes das seis agrupacións dos centros cívicos municipais desenvolven ao longo de todo o ano. Deste xeito, as corais Airiños de San Fernando (Feáns), Cantores de San Diego (San Diego), Coral do Castrillón, Allego Ma non Troppo (Monelos), Arumes (Monte Alto) e Saraiba (Os Mallos) ofrecerán seis concertos en outros tantos centros cívicos que contarán, en cada caso, coa participación de tres das agrupacións.

O obxectivo, tal e como apunta a edil Silvia Cameán, é favorecer o goce da música coral entre a cidadanía, 'unha actividade aberta a públicos de todas as idades', á vez que se convida á veciñanza a coñecer esta actividade, 'coa posibilidade de poder pasar a formar parte das propias agrupacións'. Así, Allegro Ma Non Tropo, Arumes e Saraiba actuarán o día 26 de abril (Monelos), o sábado 4 de maio (Monte Alto) e o martes 14 de maio (Mallos); mentres que Airiños de San Fernando, Cantores de San Diego e a Coral do Castrillón farán o propio no mes de maio, o sábado 11 (Mesoiro), o mércores 22 (San Diego) e o martes 28 (Castrillón).

Todos os concertos do ciclo O son da primavera comezarán ás 18.00 horas e a entrada aos mesmos será gratuíta con convite, que se deberá recoller no propio centro cívico no que se desenvolva o acto.