Results

Ayuntamiento de A Coruña

01/06/2018 | News release | Distributed by Public on 01/06/2018 11:16

O goberno local levará ao Pleno unha moción para reclamar que a Xunta dea cumprimento, de forma urxente, ao acordo subscrito co Concello para a construción de patios cubertos[...]

O grupo que sustenta o goberno local presentará na vindeira sesión plenaria, que se celebrará o luns, 8 de xaneiro, unha moción que buscará o apoio da Corporación municipal para instar á Xunta de Galicia a cumprir co acordo de colaboración asinado co concello coruñés no ano 2006 que tiña como obxectivo realizar obras de construción de patios cubertos nos centros de Educación Infantil e Primaria da cidade. Tal e como sinala o texto, a medida, que establecía unha colaboración económica entre ambas as dúas institucións, estaba dirixida a acometer, entre os anos 2007 e 2009, unha serie de intervencións 'necesarias, conducentes a mellorar a calidade dos equipamentos educativos e a facilitar un espazo axeitado para o lecer das nenas e dos nenos nos días de choiva'. A moción pon de manifesto que, 'oito anos despois do prazo establecido', a administración autonómica, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 'soamente acometeu dúas das nove obras comprometidas', polo que chama a cumprir, de forma uxente, 'para restablecer o compromiso adquirido coa veciñanza da cidade'.

Tal e como recolle o texto da iniciativa, o protocolo asinado en novembro de 2006 sinalaba unha serie de centros que presentaban a necesidade de levar a cabo obras de patio cuberto, así como o reparto das intervencións entre ambas as dúas institucións, e unha calendarización para a súa posta en marcha. Así, acordouse que o Concello da Coruña realizaría as obras no 2007 no CEIP Wenceslao Fernández Florez, no 2008 nos CEIP de Prácticas, Montel Touzet, Víctor López Seoane, María Barbeito, Rosalía de Castro, Sanjurjo de Carricarte, Concepción Arenal, Sagrada Familia, e, durante o ano 2009, no San Francisco Xabier. No caso da administración autonómica, esta asumiu a responsabilidade de acometer as actuacións nos CEIP Alborada e Salgado Torres no 2007; Emilia Pardo Bazán e José Cornide no 2008; e, finalmente, en Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta no 2009.

A día de hoxe, segundo sinala o texto que presentará o grupo de goberno no vindeiro Pleno, o Concello da Coruña 'cumpriu con todas as actuacións nos centros aos que se comprometera', agás no caso da obra no CEIP San Francisco Xabier, 'que está pendente de informar, por parte da Xunta, para poder acometer a obra'. Mentres tanto, desde a sinatura do acordo do protocolo de colaboración a Consellería só realizou as obras nos CEIP Salgado Torres e Alborada, a pesares dos reiterados requirimentos por parte do Consistorio coruñés para que a administración autonómica dese cumpimento ao acordo, 'peticións das que sempre obtivo unha resposta negativa por parte dos cargos responsables da Xunta'.