Ayuntamiento de A Coruña

10/04/2017 | News release | Distributed by Public on 10/04/2017 13:09

O Fórum Metropolitano acolle desde mañá a exposición da XIV edición do concurso de fotografía 'Viaxarte'

A Concellería de Participación e Innovación Democrática, da que depende a área de Mocidade, vén de anunciar que a XIV edición do concurso de fotografía de viaxes Viaxarte xa ten imaxes gañadoras. Unha mirada, un suspiro, de David Varela Ramos, e a serie Un encontro co pasado e a terra, de María Peña Coto, foron seleccionadas polo xurado como os mellores traballos do certame organizado polo Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), que está dirixido a mozas e mozos de todo o Estado entre 15 e 30 anos. O tribunal, á hora de outorgar os premios, tivo en conta a corrección técnica, a capacidade evocadora da viaxe e a proposta expresiva das imaxes presentadas.

David Varela Ramos e María Peña Coto recibirán como recoñecemento unha viaxe por Europa, e as súas fotografías, así como unha selección das presentadas ao certame, aparecerán publicadas nun catálogo que estará á disposición da veciñanza no CMIX. Ambos traballos tamén formarán parte da mostra colectiva Viaxarte'17, que a concelleira de Participación, Claudia Delso, inaugurará mañá, xoves 5 outubro, ás 12.30 horas, na sala municipal Plataforma14 --que se atopa no Fórum Metropolitano--. Nesta exhibición tamén estarán presentes numerosas imaxes que participaron na última edición do concurso.